RADIO.- Estreamos podcast. Retranca e revival con 'Boomer o último'
Por Redacción
Quen son Marcial Outeda e Jesús Fontanes?, dous boomers. Dous boomers pontevedreses. Estiveron en PontevedraViva Radio polo proxecto musical que comparten, metal experimental, 209. E naquel 'Cara a cara' escapábaselles a vis cómica. Así que aquí están, sostendo un podcast de humor chamado 'Boomer o último'.
E que vas atoparche escoitando este podcast? humor e revival, isto é, revisar os tempos pasados con moita, moita retranca. De feito, as advertencias adoitan ser útiles e avísase: "é un concurso indicado para calquera ser vivo con sentido do humor acusado. Non administrar en menores de idade. Advertencias: poden escoitarse palabras malsonantes que, en calquera caso, non serán peores que as que os teus fillos están a escoitar durante tantas horas de TikTok ou Youtube. As persoas que poden resultar aludidas non teñen dereito a ofenderse porque ningunha referencia ten esa intención, con ou sen vontade de facelo. Este podcast é apolítico, aconfesional, asexual, anormal, atrevido e tamén impertinente, imperfecto, impropio, impresentable e imprescindible".
Un concurso?, si, tamén é un concurso, a dúas bandas. Jesús Fontanes fronte Marcial Outeda, ou Marcial Outeda fronte a Jesús Fontanes cos seus coñecementos - e a súa vea humorística -, sobre a súa xeración, a xeración boomer. Que non o cachas?, vas cachalo este próximo sábado 13 de maio. Desde a web de PontevedraViva Radio podes escoitalo en streaming ás 12.00 horas e unha vez que termine o capítulo, estará dispoñible o podcast para escoitar ou descargar cando che apeteza un intre de risoterapia nostálxica.