Xa está listo o parque infantil da Praza de Barcelos despois das obras de mellora
Por Redacción
O Servizo Municipal de Parques e Xardíns ven de rematar os traballos de reparación e posta a punto do parque infantil da Praza de Barcelos.
A intervención contou cun orzamento duns 20.000 euros destinados a emendar as principais deficiencias que estaban presentes nesta área de xogo debido á súa antigüidade xa que trátase dun parque con máis de 15 anos. Entre as labores acometidas están o pintado de elementos de xogo, substitución de redes e pezas danadas ou en mal estado así como o arranxo do pavimento de céspede artificial.
O concelleiro de Desenvolmento Sostible, Iván Puentes, indicou que se trata dunha intervención "moi necesaria" debido á relevancia e uso intensivo que o parque ten para a veciñanza pola súa céntrica ubicación, e de aí a necesidade de "dotala dunha calidade urbana que estivese acorde".
Este proxecto, como o resto das reformas que o Servizo de Parques e Xardíns está a coordinar en tódolos espazos de lecer infantil da cidade, segue as directrices e recomendacións establecidas mediante unha auditoría previa realizada pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello para estudar as condicións de seguridade dos parques, verificar que respectan as normativas europea e galega en materia de seguridade, valorar as reparacións necesarias e emitir os correspondentes certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) unha vez que as cumpran.
A Concellería de Desenvolvemento Sostible puxo a guinda co pintado dos bancos no parque da Illa das Esculturas, un espazo no que se levou a cabo recentemente a restauración integral na zona de xogos infantís e no que se realizou a mellora do pavimento amortecedor, a limpeza das sendas, o arranxo de pezas deterioradas, a renovación das cordas e o pintado dos elementos de madeira.
Asemade, o departamento que dirixe Puentes, tamén está a desenvolver as obras de reparación e posta a punto do parque infantil de Santa Clara (situado no lateral do Hiper Froiz).
Relacionadas:
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos estará rematada antes do próximo verán
Por Alejandro Espiño |
-
Retirada automática de contedores da Zona Monumental, proposta dos socialistas pontevedreses
Por Redacción |
-
O mítico 'Cholo' terá unha escultura no parque de Pasarón por decisión popular
Por Oskar Viéitez |
-
Problemas coa subministración atrasaron as obras do parque Maruxa Mallo, que prevén retomar a próxima semana
Por Redacción |
-
O parque infantil de Santa Clara, en plena "posta a punto"
Por Redacción |
-
Reapertura do parque da Palmeira, adicado a Daría González
Por Alba Feijoo Alonso |