O parque infantil de Santa Clara, en plena "posta a punto"

Por Redacción
A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha os traballos de restauración do parque infantil de Santa Clara, situado no lateral do Hiper Froiz, unha intervención que se está a realizar en paralelo coa zona de xogos de Barcelos.
A actuación consistirá na reforma integral e posta a punto deste espazo de lecer co pintado de diversas estruturas, afectadas por pintadas vandálicas, o lixado, lasurado e tratamento de todo o valo perimetral e a retirada das áreas de pavimento amortecedor de caucho deterioradas e agretadas.
Segundo explicou Iván Puentes, "o pavimento será renovado, incrementando as capas de caucho e achegándolle maior volume e espesor en determinadas zonas, de xeito que teña as axeitadas condicións de amortecemento en función das alturas de caída dos elementos de xogo".
Dentro desta intervención tamén arranxaranse as redes e cordas danadas ou en mal estado, reporanse o mobiliario e unha papeleira do interior do parque, así como os parafusos e tapóns deterioradas, e restaurarase o columpio-cesta.
A duración de todos estes traballos "dependerá das condicións meteorolóxicas, xa que a choiva podería atrasar as tarefas de pintado, pero agardamos que poidan estar rematados nun prazo de entre dúas e tres semanas", avanzou Puentes.
A obra conta cun orzamento superior aos 20.000 euros e a realizará a empresa Jardinería Jara.
Relacionadas:
-
Xa está listo o parque infantil da Praza de Barcelos despois das obras de mellora
Por Redacción |
-
Reapertura do parque da Palmeira, adicado a Daría González
Por Alba Feijoo Alonso |
-
Chapa e pintura para os parques infantís de Barcelos e A Illa das Esculturas
Por Redacción |
-
Propoñen denominar 'Parque Sonia Iglesias' ao espazo infantil previsto en Campo da Torre
Por Redacción |
-
A reforma das vías perimetrais de Barcelos, nas mans dunha empresa de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |