Queixas entre os pacientes de Montecelo, o Hospital Provincial e o do Salnés por estar sen televisión
Por Oskar Viéitez
Un grupo de pacientes dos centros hospitalarios Montecelo, Provincial e O Salnés denunciaron publicamente as deficiencias do servizo de televisión. Aseguran que nalgúns casos os aparatos nin sequera funcionan.
Fontes do CHOP explicaron que é unha situación provisional ata que se adxudique de novo este servizo. Mentres tanto ás persoas ingresadas nestes cuartos dáselles a posibilidade de levar unha televisión portátil da súa casa.
Dende o gabinete de comunicación da Xerencia de Xestión integrada aseguran que non teñen constancia oficial de queixas por parte de ningún paciente e confirman que este servizo se segue prestando con total normalidade nas máis de 800 habitacións que existen entre os tres centros hospitalarios.
O Sergas di que ésta é unha situación provisional ata que se adxudique de novo este servizo
O Diario Oficial de Galicia do xoves 12 de decembro de 2013 publicou o anuncio do Servizo Galego de Saúde para a contratación da instalación e explotación do servizo de telefonía e televisión nos cuartos dos pacientes dependentes da área de xestión integrada de Pontevedra.
Trátase dun procedemento aberto e as bases da licitación establecen un canon mínimo anual de 18.000 euros.
A empresa que resulte adxudicataria substituirá as actuais televisións de tubo por pantallas planas e renovará os receptores de telefonía dos distintos cuartos.
Fontes da área sanitaria integrada Pontevedra - O Salnés estiman que os novos televisores poderán estar operativos en marzo 2014.
Nas bases do concurso contémplase dotar destes servizos aos cuartos do terceiro andar do Hospital do Salnés, que actualmente presenta este déficit.