Doentes de seis especialidades do CHOP terán que trasladarse a Santiago para seren tratados
Por Redacción
A decisión do Sergas de derivar os pacientes da Área Sanitaria Norte da provincia ao Hospital Clínico de Santiago. no que atinxe a determinadas especialidades cirúrxicas, foi adoptada "con nocturnidade e absoluta falta de transparencia", segundo denuncia o PSdeG-PSOE. Supón, di Antón Louro, "outro novo deterioro na calidade da atención sanitaria especializada" que se presta aos veciños de Pontevedra e a súa comarca.
En concreto, trátase dos pacientes de Radioterapia, Cirurxía Torácica, Neurocirurxía, Cirurxía Plástica, Cirurxía Pediátrica e Cardioloxía Intervencionista (as unidades de Hemodinámica e Arritmias). Todos eles súmanse aos doentes de Cirurxía Cardíaca, derivados a Santiago xa desde abril de 2012. Así se recolle no mapa de derivacións elaborado pola Consellería de Sanidade, se ben é certo que está aínda en fase de elaboración.
Esta nova referencia poboacional, defende Sanidade, permite "un reparto máis equilibrado da cidadanía asignada e posibilitan á Administración sanitaria axustarse en mellor medida ás recomendacións de calidade e seguridade do Ministerio de Sanidad". No caso da cardioloxía intervencionista entrará en vigor desde o 1 de febreiro.
Lamentablemente, explica Louro, "témonos que enterar pola prensa de que o Sergas decidiu que os 300.000 pacientes da Área Norte pasaremos de ter que desprazarnos a Vigo para facelo a Santiago, duplicando a distancia e custos da viaxe". Afirma entender que determinadas especialidades deben centralizase en aras á calidade do servizo, pero "están a tratar os veciños de Pontevedra como simple moeda de cambio para engordar unha ou outra área sanitaria".
Este "deterioro" súmase, segundo o voceiro socialista, ao "recente escándalo" pola deficiente atención aos pacientes de Radioterapia no Meixoeiro, "obrigados a facer longas esperas e mesmo a acudir a citas nocturnas por causa das constantes avarías e falta de capacidade do servizo".
Mentres tanto, os prometidos investimentos no novo hospital de Pontevedra, que "mesmo ía incluír algunha das especialidades que se derivan", seguen no limbo, recorda Antón Louro. Un novo hospital que Feijóo evita nomealo, sinala o dirixente socialista, nas súas últimas intervencións públicas en materia sanitaria.
"As mentiras do Partido Popular quedaron ao descuberto e o Sergas, embarcado no proxecto faraónico e irreal do hospital privado de Montecarrasco, quedou atrapado nelas", apunta o voceiro do PSdeG-PSOE en Pontevedra. "Nin a Consellería de Sanidade atrévese hoxe a poñer datas á construción dun hospital que xa tiña que estar inaugurado".
Van en total, conclúe o comunicado de Antón Louro, "cinco anos de enganos do Partido Popular", tempo de abondo, apunta, "para que se tiveran dado conta do erro que cometeron ao botar abaixo o consenso político e social que existía en torno á construción do Hospital ÿnico en Montecelo".
Relacionadas:
-
O PSOE critica que a Xunta favoreza á Coruña fronte a Pontevedra en materia sanitaria
Por Redacción |
-
Lores di que a sentenza sobre as dedicacións exclusivas do PP "executarase estrictamente"
Por Redacción |
-
O Colexio de Médicos de Pontevedra, contrario á política de derivacións sanitarias á provincia da Coruña
Por Redacción |
-
O PSOE presentará unha moción para que as especialidades derivadas a Santiago retornen a Vigo e Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Santiago asumirá os casos máis graves e a cirurxía cardíaca pero non as consultas de Cardioloxía
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas entre os pacientes de Montecelo, o Hospital Provincial e o do Salnés por estar sen televisión
Por Oskar Viéitez |
-
José Manuel González: "40 anos son bastantes para un hospital. Montecelo estase achegando ao límite da súa capacidade"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |