Yoya Blanco agarda que o sábado sexa un "día de festa" coa instalación do mercado ambulante na Alameda
Por Redacción
Yoya Blanco, concelleira de Promoción Económica, afirmaba este mércores que se están ultimando os detalles para a instalación do mercado ambulante na Alameda o vindeiro sábado 22, malia as discrepancias co BNG, socio do goberno local.
A principal impulsora do traslado da feira indicaba que se realizou unha petición a Portos de Galicia para que se permita aparcar nas Corbaceiras coa intención de que se reduza a presenza de vehículos na Alameda. Yoya Blanco indica que se instalarán tres filas de postos de venda. A fila do medio evitará establecer o vehículo como almacén, como é habitual entre os vendedores, seguindo a fórmula que se utiliza no mercado de Padrón para evitar a masificación de furgonetas no recinto.
En canto á distribución dos 53 postos de venda previstos, contémplase que a roupa se atope na zona máis próxima á Praza de España mentres que os de alimentación situaranse cara ao fondo, no espazo máis próximo a Raíña Vitoria.
Yoya Blanco espera que o sábado sexa unha xornada para testar esta decisión polémica do traslado da feira de Rafael Areses ao centro da cidade. "Se hai un erro agora non me preocupa", indica a edil. Indica que é improbable que se produzan conflitos de tráfico xa que os ambulantes realizarán a instalación ao redor das 07.30 horas.
"Aos feirantes gústalles e todo o sector de comercio e hostalería está entusiasmado", asegura Blanco ao entender que o mercado ambulante é "un polo de atracción económica". Lembrou que o cambio se debe a unha "vontade política" derivada das obras que se acometerán na rúa Rafael Areses e que a primeira intención era instalar os postos en Campolongo, pero a obra dun edificio impide esta opción polo que se quere probar a alternativa da Alameda.
"Espero que o sábado sexa un día de festa", apunta a concelleira que agarda un éxito de asistencia nesta estrea de localización.
Relacionadas:
-
Satisfacción tras a estrea da feira na Alameda: "Polo meu posto pasou xente que non vira na miña vida en Rafael Areses"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Entregan "case 800 firmas" pedindo o traslado da feira ambulante á contorna do Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
Acondicionan o pavimento da Alameda para poder acoller a feira ambulante
Por Alejandro Espiño |
-
O mercadiño dos sábados, de camiño á Alameda: "Os ambulantes están con ganas e nós tamén", di Yoya Blanco
Por Alejandro Espiño |
-
O traslado do mercadillo ambulante "débese tratar con tranquilidade"
Por Oskar Viéitez |