A Deputación pon en marcha o proceso para definir o modelo de provincia ata 2030
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o plan de acción da Axenda Urbana, que iniciará en maio as primeiras accións para deseñar, da man da cidadanía e dos concellos, "o modelo de provincia de aquí a 2030" co obxectivo de que sexa "máis resiliente, sostible, inclusiva e segura".
Este martes tivo lugar no Pazo Provincial unha reunión da Comisión Interdepartamental da Axenda Urbana, integrada polas áreas competentes da Deputación.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou que este plan de acción permitirá "deseñar o futuro da provincia, co obxectivo de transformar, e sinalará as liñas nas que centrarse, tendo un amplo impacto nas diferentes áreas e servizos".
Este é un proceso que xa comezou no ano 2021 cunha diagnose territorial na que se analizaron os plans, programas e principais liñas de acción da institución provincial para identificar as súas fortalezas nos 10 obxectivos que marca a Axenda Urbana Española, o que levou a identificar os cinco nos que máis impacto ten o traballo da Deputación: evitar a dispersión e revitalizar cidades e vilas, loita contra o cambio climático, xestión sostible dos recursos e economía circular, innovación dixital e gobernanza.
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera destacou que aínda que as actuacións amparadas polo plan de acción realmente poderían realizarse sen un instrumento tan "abstracto", hai experiencias moi positivas e que permiten acadar financiamento europeo, polo que definiu o método como "un reto".
O seguinte paso no deseño do plan é a formulación estratéxica, que permitirá validar a diagnose previamente elaborada e definir retos, así como identificar as propostas de necesidades e expectativas da provincia ata 2030 a través dun proceso participativo, co fin último de ter "unha folla de ruta clara".
A segunda fase consistirá no desenvolvemento do "marco estratéxico", que comprende a definición do alcance do plan de acción, así como "a validación do que se ten xerado nese traballo conxunto", co fin de priorizar obxectivos, liñas de actuación e accións, que incluirá ao remate un segundo proceso participativo da cidadanía.
Por último, chegará o momento de elaborar o propio plan de acción, no que xa se incluirán as accións operativas anuais a desenvolver , así como as liñas de seguimento de indicadores, que permitirán mostrar os avances en todo o que estea establecido no documento.
Todo o proceso estará apoiado por un plan de comunicación co obxectivo de sensibilizar e implicar a entidades, axentes socioeconómicos e a cidadanía en xeral.
Entre os seus fitos inclúense o acto de lanzamento de hoxe, a posta en marcha dunha páxina web, campañas de comunicación en redes sociais, vídeos promocións, a presentación pública do plan de acción e a difusión das actividades que se poñan en marcha.
Relacionadas:
-
Chega á comarca de Caldas a mesa de traballo para elaborar a Axenda Urbana e Rural da Provincia
Por Redacción |
-
Aprobados os convenios cos Concellos no último pleno de Carmela Silva como presidenta
Por Redacción |
-
PON 2030, o novo plan da Deputación para "dotar de recursos extraordinarios aos concellos"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación reivindica en Barcelona a importancia do liderado local na Axenda 2030
Por Redacción |
-
O Goberno de España avala a Axenda Urbana da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |