Sae a licitación pública o campo de fútbol de Salcedo por case dous millóns de euros
Por Anxo Lourido
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns 17 o inicio do proceso de contratación para realizar as obras do esperado campo de fútbol de Salcedo.
Anabel Gulías, portavoz municipal, indicaba que foron necesarias varias xestións administrativas previas, que se realizaron con "celeridade" como a modificación do convenio coa Comunidade de Montes de Salcedo para a cesión dos terreos; a realización de obras para garantir a subministración eléctrica para dar servizo; a modificación do convenio coa Deputación para modificar o proxecto e aumentar o investimento de máis de 300.000 euros.
A obra sae a licitación pública por un montante de 1.987.084 euros e o Concello espera que no prazo de apróximadamente un mes e medio estea resolta toda a tramitación. O período de execución da construción desta infraestrutura deportiva é dun ano.
Gulías insistiu en que o Concello non é responsable da quebra dunha das empresas ás que inicialmente se lle adxudicou o contrato e que supuxo a demora na construción. "O Concello cumpre", insistiu a portavoz do goberno local engadindo que "a min encantaríame ter unha varita máxica para acelerar todos os trámites administrativos pero as administracións non o temos. Debemos seguir estes pasos". "Que me encantaría que fose antes? si, claro, pero non sabiamos que ía crebar a empresa", argumentou.
Tamén manifestou que o Concello permanece aberto a falar cos representantes da Comunidade de Montes sobre calquera circunstancia relacionada con este proxecto.
A Sociedade Cultural Deportiva Salcedo, principal entidade afectada por este atraso, realizou neste 2023 diversas protestas para reclamar a creación do campo de fútbol polo que levan esperando máis dunha década.
Relacionadas:
-
As obras de construción do novo campo de fútbol de Salcedo, ao fin en marcha
Por Redacción |
-
Adxudican o novo campo de fútbol de Salcedo por 1,95 millóns de euros
Por Redacción |
-
Salcedo volve manifestarse para reclamar a construción do campo de fútbol
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A SCD Salcedo convoca unha nova protesta para este venres reclamando a construción do campo de fútbol
Por Redacción |
-
O custo do campo de fútbol de Salcedo dispararase ata os 2 millóns
Por Alejandro Espiño |
-
Salcedo volve á rúa ante o novo atraso das obras do campo de fútbol
Por Redacción |
-
O PP considera unha "tomadura de pelo" o novo atraso no campo de fútbol de Salcedo
Por Oskar Viéitez |
-
Volverán licitar as obras do campo de fútbol de Salcedo ao crebar unha das adxudicatarias
Por Oskar Viéitez |