Dous veciños de Ponte Caldelas rescatan do Verdugo unha muller que caeu co seu vehículo ao río
Por Manu Otero
O río Verdugo, ao seu paso polo núcleo de Ponte Caldelas, foi escenario este venres dun agónico rescate. Unha muller acabou co seu vehículo no leito do río tras unha manobra equivocada nun aparcamento próximo ao curso fluvial. A corrente arrastrou o coche e a condutora quedou atrapada.
Inmediatamente, unhas testemuñas do ocorrido, Carlos e Jose, lanzáronse á auga para socorrer á muller. As portas dianteiras estaban bloqueadas polo que tiveron que acceder desde as traseiras. Unha vez dentro do coche, sacaron á condutora, duns 60 anos de idade segundo as testemuñas, que se atopaba en perfecto estado de saúde pero moi nerviosa.
A misión non foi sinxela, posto que os rescatadores lanzáronse á auga con roupa e botas de traballo que, ao mollarse dificultáballes o movemento. "Foime difícil saír, asusteime un pouco", recoñeceu un dos rescatadores que esperaba mesa para comer nun restaurante próximo cando viu caer o coche á auga.
Tras uns minutos de angustia, os tres implicados lograron saír da auga sans e salvos. Polo estado de nerviosismo que presentaba a vítima foi requirida a asistencia dunha ambulancia que a trasladou a un centro hospitalario.
Á primeira hora da tarde, o vehículo continuaba no medio do río á espera de que os técnicos o retiren e as autoridades pertinentes investiguen as causas do ocorrido que, segundo as testemuñas, apuntan a unha mala manobra da condutora.