Concentración laboral no Porto de Marín para denunciar o "ambiente hostil e ditatorial" da Autoridade Portuaria
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
"Isto non debería funcionar como un cortijo". Así se manifestan representantes de Comisións Obreiras, sindicato que preside o comité de empresa da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.
Este xoves 13 concentrábanse representantes sindicais e traballadores pertencentes á Autoridade Portuaria para denunciar a "continua fustrigación, falta de transparencia e limitación de dereitos" por parte da presidencia e dirección da institución, que lidera José Benito Suárez Costa.
Néganse a que se manteña a sobrecarga de traballo do persoal; as limitacións para conciliar vida laboral e familiar; e discrecionalidade para conceder horarios máis beneficiosos e pluses de convenio. Alertan tamén do desmantelamento dos servizos de policía e mantemento no porto que, segundo expoñen, "quedaron por baixo dos mínimos necesarios".
Tamén demandan os dereitos económicos que corresponden ao persoal tras a aprobación do terceiro convenio colectivo. Tony Vázquez, representante de CCOO, indica que non renunciarán a miles de euros que a Autoridade Portuaria de Marín non está disposta a pagar, bloqueando as negociacións.
Durante este xoves concentráronse na entrada principal do porto en Praceres e tamén ante a sede administrativa, en Parque Azul Cantodarea. Tamén se concentrarán o 20 de abril e o 27 de abril nos mesmos puntos. Xa o 4 de maio, trasladarán as protestas ao edificio da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.
Afirman que o persoal está farto de traballar nun ambiente hostil e ditatorial que fomentou nos últimos tempos baixas, excedencias e reducións de xornada. Por este motivo, aseguran que non van a "aturar máis o trato indigno que veñen recibindo desde hai anos" a pesar de que a actividade portuaria crece, tanto en termos de movemento de mercadorías como de superficies e infraestruturas que deben ser atendidas. Insisten en que o equipo de persoal permanece mal dimensionado e as incapacidades temporais de longa duración non se substitúen.
Expoñen que a Autoridade Portuaria "non é do director nin do presidente e non debería servir a obxectivos persoais. Gustaríanos ter un bo líder. Pero atopámonos con alguén que se atribúe os resultados positivos, coa mesma velocidade e descaro que se escusa nos seus subordinados ante calquera resultado desfavorable. Ás veces parece que os nosos dirixentes cobran máis de 100.000 euros por pasearse en carruaxe e asistir a feiras. Mentres outras Autoridades Portuarias aproveitaron os seus recursos para formar e desenvolver o modelo de xestión de competencias implantado no ano 2005, en Marín, seguimos como no ano 0", apuntan desde el comité de empresa.
RESPOSTA DA AUTORIDADE PORTUARIA
Desde a Autoridade Portuaria amosan a súa confianza en acadar un acordo que incremente as melloras sociais para todo o persoal. Indica que, como o resto de portos de interese xeral do Estado, se atopa inmerso no proceso negociador dun novo acordo de empresa coa previsión de mellorar o horario e a xornada.
José Benito Suárez Costa afirma que "estamos poñendo todos os recursos coa disposición de pactar as mellores condicións que a lei e as exixencias do servizo portuario nos permita. Sinala que "se hai boa vontade por parte de todos, poderíase acadar un acordo satisfactorio para todo o persoal", apunta o presidente da Autoridade Portuaria de Marín.