Un informe técnico acredita a mellora "significativa" da iluminación e a contaminación acústica en Loureiro Crespo
Por Alejandro Espiño
A reforma integral da rúa Loureiro Crespo supuxo unha mellora significativa da iluminación e da contaminación acústica de todo este ámbito urbano. Así o acredita a auditoría técnica realizada pola empresa Enmacosa por encargo do Concello de Pontevedra.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, presentou este luns os datos deste informe que, segundo subliñou, acredita que as actuacións tendentes a recuperar o espazo público "elevan a calidade de vida que ofrecemos á veciñanza".
O traballo realizado por Enmacosa reúne diversos datos sobre a iluminación da rúa e sobre os niveis de contaminación acústica, tomando como referencia medicións realizadas antes e despois da rehabilitación integral desta rúa.
Para realizar estas medicións, os técnicos dividiron a rúa en catro zonas e tomaron datos en cinco puntos de mostraxe en cada unha delas, repetíndoas en horario de mañá e tarde -tres por cada unha destas dúas franxas horarias-.
A zona 1 incluíu a zona comprendida entre a Praza do Hospital e Casimiro Gómez, mentres que a zona 2 chegaría desde este último punto ata a rotonda con José Malvar, a zona 3 ata a confluencia con Ernesto Caballero e a zona 4 ata a Avenida de Lugo.
En canto á calidade lumínica da área tratada, o informe conclúe que na zona 1 mellorouse a iluminación nun 60% e na zona 2 chegou a un 53%. No terceiro ámbito de estudo a porcentaxe elevouse ata o 65% e, por último, no cuarto, quedou nun 39%.
Estas medicións sosteñen que os maiores incrementos na calidade da iluminación déronse, especialmente, sobre as zonas reservadas para estacionamentos e sobre a calzada, con mellorías que nalgúns puntos roza o 90% con respecto á iluminación anterior.
Os resultados, segundo Gulías, son "aínda máis esclarecedores" en materia de contaminación acústica. Os expertos consideran como ruído ambiental todo o que supere os 65 decibeis, fóra de zonas docentes ou sanitarias como a do Provincial, limitado a 60 decibeis.
Antes da reforma, en 33 das medicións realizadas excedíanse os niveis de ruído, mentres que tras as obras de humanización dita barreira de 65 decibeis só se superou en dez ocasiones. É dicir, nunha de cada seis tomas desta mostraxe.
En todas as áreas, que oscilaban de media entre os 63,2 decibeis da zona 1 e os 68,1 da zona 4, rexistrouse unha tendencia á baixa, situándose nunha pinza entre os 61,6 decibeis (-2,6%) da zona 1 e os 64,9 (-3,4%) da zona 2. O maior descenso, de ata un 5,8%, rexístrase na zona 4, que pasou a unha media de 64,2 decibeis.
Desde o Concello sosteñen que, xa que é nestes espazos públicos "onde maior tempo pasamos ao longo das nosas vidas", estas actuacións deben garantir que se obteña a "excelencia" nestes dous parámetros, xunto cun terceiro, a calidade do aire.
Esta experiencia piloto realizada en Loureiro Crespo se replicará noutras zonas recuperadas para obter unha "foto fixa" da situación da cidade "e seguir mellorando", segundo Anabel Gulías, para o que se instalarán medidores que prevén financiar con fondos europeos.
"O obxectivo é obvio, seguir convertendo a Pontevedra nun referente medio ambiental en todo o país", sentenciou a portavoz municipal.