A procesión da Luz da Dor do Santo Cristo dos Milagres, estrela da Semana Santa de Campo Lameiro
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f3e/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6432c86251-img-20230407-wa0655.jpg)
© Unidad Pastoral Campo Lameiro
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/dce/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/6432c885ef-img-20230402-wa0047.jpg)
© Unidad Pastoral Campo Lameiro
Campo Lameiro pecha este domingo unha das súas edicións máis exitosas da Semana Santa, na que o cura párroco, Fermín Santiago Iglesias, confirma que se incrementou a participación nos actos da Unidade Pastoral.
Como novidade, este ano, unha nova cita sumouse á programación de eventos relixiosos. Durante o Venres Santo estreouse a Procesión da Luz da Dor do Santo Cristo dos Milagres e da Virxe das Dores na parroquia de San Isidro de Montes.
Tratouse dunha procesión acompañada de luz nocturna que axudou a darlle un maior recollemento e dimensión espiritual a esta manifestación de dor e consternación polo falecemento de Xesús.
O cura párroco sinalou que o fervor relixioso vivido esta Semana Santa en Campo Lameiro fixo que os oficios da Unidade Pastoral resultaran especialmente concorridos este ano.
Ademais, salientou a multitudinaria participación de fregueses das seis parroquias que compoñen a Unidade Pastoral no Domingo de Ramos celebrado en Santa Mariña de Fragas, que concluíu cunha gran chocolatada con rosca como preludio da Semana Santa.
Os oficios do Xoves Santo celebráronse na parroquia de Muimenta con gran afluencia de devotos de todas as parroquias e o Venres Santo celebrouse a procesión de Fragas a Campo e a procesión nocturna acompañada pola Banda Unión Cultural de Campo Lameiro.
O Sábado Santo tivo lugar a bendición dos 6 cirios das parroquias e da auga bendita na igrexa de Campo.
Este Domingo de Resurreción chegaron ao seu fin os oficios de Semana Santa cun ágape compartido polos fregueses.