Lequio, refuxiado en Bueu en plena polémica pola 'filla' de Ana Obregón
Por Redacción
No medio da polémica desatada nas últimas semanas pola decisión de Ana Obregón de acudir a un ventre de alugueiro para ter unha nena que sexa xeneticamente filla do seu fillo falecido, Aless Lequio, o seu ex e tamén pai do falecido, Alessandro Lequio, refuxiouse en Galicia.
Este mércores puido vérselle en Bueu, onde comeu no restaurante Peixoto de Beluso, do que é un habitual desde hai anos.
A comida produciuse xusto o mesmo día en que a coñecida presentadora de televisión concedía na revista Hola! unha entrevista na que revelaba que Ana Sandra Lequio Obregón, como a rexistrou no rexistro civil, é, en realidade, a súa neta.
Lequio é, por tanto, avó e o día que se coñeceu publicamente o dato publicaba na súa conta de Instagram unha fotografía no restaurante Peixoto coa seguinte mensaxe: "Con mujer, amigos y amigotes desde el gran Peixoto. #AlessForever". Incluía o hashtag en recordo ao seu fillo, #AlessForever, que adoita utilizar nas súas publicacións nesta rede social desde que o seu fillo Aless morreu en maio de 2020, cando tiña 27 anos.
O conde Alessandro Lequio estaba acompañado da súa muller, María Palacios. A parella adoita pasar parte das súas vacacións nas Rías Baixas, un lugar ao que a súa esposa está moi unida, xa que hai anos que a súa familia veranea en Nigrán.
Ademais, desde hai anos, frecuentan Beluso. Adoitan acudir varias veces cada verán e tamén coincidindo con pontes e escapadas a este local de Bueu aproveitando a súa estancia na zona. Manteñen unha amizade co propietario e teñen máis amigos na zona.
A polémica que rodea á súa ex muller nos últimos días púxoano foco de atención dos medios de comunicación e de boa parte da sociedade e todas as miradas se centraron nel nesta nova visita.
Segundo publica o periódico Faro de Vigo, descartou referirse á o polémica, que cada vez crece máis pola dobre situación de Obregón, que rexistrou á nena como a súa filla tras un contrato por ventre de alugueiro no que utilizou os servizos dunha muller en Miami (Estados Unidos), pero é, ao mesmo tempo, avoa da criatura, ao ser filla de xenética do seu fillo. “Nunca hablé ni hablaré de mi hijo Aless”, declarou ao xornal vigués.