A nova residencia de maiores de Cerdedo xa recibiu os seus primeiros usuarios
Por Redacción
Os primeiros usuarios da nova residencia de maiores de Cerdedo, na que a Xunta de Galicia investiu dous millóns de euros, xa gozan das súas instalacións.
Así o destacou o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde, Jorge Cubela, que visitaron este luns aos residentes que inauguraron este centro, que ten unha capacidade para aloxar un máximo de 46 persoas.
A residencia ten habitacións dobres que están dotadas de aseo e duchas propias.
Dispón de tres zonas diferenciadas: área de administración, área residencial e área de atención especializada na que se encontran os servizos de rehabilitación, enfermaría e xeriatría.
Ademais, os usuarios teñen unha ampla zona axardinada exterior para descansar, facer actividades, pasear e desfrutar das visitas dos seus familiares, destacan as autoridades.
A nova residencia comparte parcela cun centro de día e fogar residencial, que tamén forma parte da rede pública autonómica, e que oferta 30 prazas de atención diúrna e 18 residenciais.
O xerente do consorcio anunciou que se acometerán obras de mellora nas habitacións desta infraestrutura por un importe de 30.000 euros.
O ente autonómico financiará estes traballos, para o que asinará en vindeiras datas un convenio de colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade.
Relacionadas:
-
Remata a reforma do centro de día e residencia de maiores de Cerdedo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade pecha as contas do 2022 cun remanente de 1,1 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
Unha única empresa opta ao contrato de construción da residencia de maiores e centro de día de Carballedo
Por Redacción |
-
A ampliación da residencia de maiores de Cerdedo-Cotobade eleva a 64 as prazas públicas no municipio
Por Redacción |