Suben os prezos da luz, lixo, gasolina e peaxes
Por Redacción
Tan tradicionais como as doce uvas son as subas de prezos. O cidadán asume con total normalidade uns incrementos que cada ano castigan con máis forza que nunca o peto.
ÿ o caso da electricidade, que esta fixada finalmente no 2,3%, ou os prezos das peaxes de autoestradas, billetes de tren, combustibles e recollida de lixo.
ELECTRICIDADE
A suba da luz determinouse a finais deste ano nun real decreto lei que recolle un aumento do 1,4% para o custo da enerxía e outro do 0,9% correspondente á parte regulada, coñecida como peaxes. A suma de ambos os dous compoñentes dá como resultado o incremento final do 2,3%.
AUTOESTRADA
A Autoestrada do Atlántico, a AP-9, subiu unha media do 1,85%.
Desta forma o traxecto Pontevedra Vigo sae en 3,65 euros. E entre Pontevedra e Santiago 5,40 euros.
RENFE
En canto ao transporte por ferrocarril, Renfe subiu un 1,9% o prezo dos billetes dos trens de Cercanías, Media Distancia, tanto convencional como Avant, e Feve, segundo informou a operadora.
GASOLINA
Unha das principais novidades que inclúen os orzamentos da Xunta para 2014 é a aplicación dunha suba do imposto sobre hidrocarburos, o que supón un incremento de 3,6 céntimos no gasóleo e de 2,4 céntimos en gasolina, e unha recadación adicional de 53 millóns de euros para o Goberno galego, que se destinará a gasto sanitario.
O aumento non afectará, non obstante, ao sector profesional (aos transportistas), que tributará como ata agora, nin ao gasóleo de usos especiais, que é o que se emprega en sector primario e en calefacción.
LIXO
A suba máis escandalosa protagonízaa o "taxazo" nun 33,5%, do canon que aplica Sogama aos concellos pola recollida e o tratamento do lixo, e que supoñerá un aumento do 33,5 por cento na factura.
Esta medida, que implicará en torno a 1 euro mensual no caso de que os municipios o repercutan á factura de cada fogar, será efectiva dende o mes de marzo.
SEN ACTUALIZACIÿNS DO IPC
Malia as subas, nada se actualizará co IPC como se facía ata agora, grazas á Lei de Desindexación que aprobou o Goberno co obxectivo de desvincular os prezos públicos da inflación española. Así, a norma derroga calquera vinculación directa ao IPC e vincula os aumentos exclusivamente á evolución dos custos da prestación do servizo.
Non afecta a pensións, impostos, instrumentos financeiros nin á negociación salarial, pero si a transportes, telecomunicacións, enerxía, servizos postais, auga, taxas, sancións e os prezos dos contratos públicos.
ÍNDICE DE GARANTÍA DE COMPETITIVIDADE
Ademais, desenvolve un novo índice de referencia para os contratos do sector público e privado, chamado 'Índice de Garantía de Competitividade', que ten en conta o diferencial de inflación de España coa zona euro corrixido coa perda de competitividade acumulada dende a entrada no euro (a deterioración acumulada do diferencial). Terá un tope do 2% e un chan do 0%.