NRede, o selo que certifica o traballo xornalístico de PontevedraViva
Por Redacción
O xornal PontevedraViva figura desde esta semana no Rexistro de Medios Dixitais Galegos (NRede), promovido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para pór en valor os medios do ámbito dixital e, ao mesmo tempo, ofrecer á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo xornalístico.
Este rexistro NRede nace a partir da premisa de que cómpre distinguir entre o que é información e o que non entre todos os contidos que proliferan na rede na actualidade. O Colexio de Xornalistas, seguindo seu obxectivo de garantir o dereito á información da cidadanía, pon en marcha este selo como referente e distinción dos medios de comunicación de orixe dixital e de ámbito galego.
A distinción botou a andar o mes pasado e comeza a identificar os espazos con contidos xornalísticos. Once cabeceiras galegas xa contan coa certificación que garante que a súa información é froito dun traballo profesional.
Son, ademais de PontevedraViva, Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, Lugo Xornal, Mundiario, Praza Pública, Tempos Dixital, Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo.
O selo identifica estas once cabeceiras como medios de comunicación con criterios xornalísticos no eido dixital.
Desde o CPXG garanten que todos eles cumpren cos requisitos que garanten que son espazos de comunicación con contidos xornalísticos, con información froito dun traballo profesional e que respecta a deontoloxía do xornalismo.
Ademais, destacan que "dan boa conta da pluralidade do xornalismo dixital galego", ao representaren distintos enfoques comunicativos e cubriren boa parte da xeografía da comunidade.
O listado completo dos medios certificados por NRede está dispoñíbel na páxina do Colexio de Xornalistas.
Para solicitar a inclusión no rexistro de NRede, o medio debe estar constituído como empresa xornalística ou entidade legalmente rexistrada, estar ao corrente das obrigas con Facenda e a Seguridade Social e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial cando menos unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou colexiada no CPXG.
Os medios inscritos deben desenvolverse principalmente na contorna dixital e cubrir información de interese xeral mediante a produción propia de contidos actualizada de forma periódica. Son requisitos tamén un mínimo de seis meses de traxectoria demostrable (tres anos no caso de anuarios) e o respecto ao Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.