Un millón de euros da Deputación para a transformación urbana e viaria de Sanxenxo
Por Redacción
Os deputados provinciais Santos Héctor e Gregorio Agís visitaron este martes xunto ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a humanización da contorna do colexio e o mercado de Portonovo, que recibiu 500.000 euros do plan extraordinario DepoRemse.
Ademais, comprobaron a recuperación da Rúa Unión e as súas transversais, e a pavimentación do vial de Vinquiño-Contumil en Nantes, que contaron con sendas achegas do Plan Concellos 2021 por 337.713 euros e 287.277 euros respectivamente.
Os deputados destacaron que estas tres actuacións suman un investimento da Deputación de 1,1 millóns de euros.
"É un pracer traballar co Concello nestas iniciativas que compren co nivel de esixencia que temos desde a Deputación", valorou Agís.
Pola súa banda, o alcalde Telmo Martín aludiu á transformación que teñen suposto as tres actuacións visitadas, agradecendo o apoio da Deputación para poder levar a cabo os proxectos presentados polo Concello.
"As administracións debemos colaborar entre nós. Non deben importar as cores políticas, porque os veciños e veciñas o que están mirando é que se lle melloren as situacións. E espero que sigamos colaborando neste sentido", dixo o alcalde.