A remodelación do Vial de Praias de Marín custará máis de 330.000 euros

Por Redacción
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, informaron este venres de que xa está redactado o proxecto para a reordenación da zona da Rúa do Forte, é dicir, a fase 1 da remodelación do Vial de Praias.
Trátase dun dos proxectos máis ambiciosos nos que está a traballar o Goberno local. Ten como obxectivo reordenar todo o espazo do viario que discorre pola marxe dereita da Rúa do Forte, entre a entrada principal da Escola Naval Militar ata a porta do pavillón do propio centro castrense. O proxecto está presentado pero todavía está pendente de autorizacións sectoriais, tal e como indicaron desde o Concello.
"Esta é a primeira parte que abordaremos do proxecto global que temos para o Vial de Praias", explicou Ramallo durante unha visita ao propio sendeiro litoral co técnico responsable da redacción do proxecto, que xa está a preparar a segunda fase, que se financiará cos fondos europeos do Plan de Sostibilidade Turística.
No que respecta á zona da Rúa do Forte, "queremos facer un proxecto integral co que mellorar a conexión do casco urbano co Vial" e así humanizar o primeiro tramo, mellorando a accesibilidade e a mobilidade da vía. Tamén eliminarán un dos carrís de circulación da calzada para crear un carril bici separado do tráfico rodado e anchearase a beirarrúa para adaptala aos estándares de accesibilidade. Nos espazos nos que non sexa posible ter ese carril bici separado da beirarrúa, habilitarán unha zona de convivencia entre os peóns e as bicicletas debidamente sinalizada.
O proxecto tamén inclúe a repavimentación da calzada e instalación de pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade viaria; a beirarrúa será de baldosa cun acabado granallado e o carril bici o realizarán en formigón coloreado semipulido; tamén actuarán no alumeado público, eliminando os puntos de luz actuais e substituíndoos por 11 de tecnoloxía LED, para fomentar a eficiencia enerxética e a sostibilidade medio ambiental; e renovarán a rede de saneamento da propia Rúa do Forte.
Unha vez as autorizacións correspondentes estean en orde, o Concello iniciará o proceso de licitación, para finalmente adxudicar as obras, que teñen un prazo de execución de 4 meses e contarán cun orzamento de case 333.000 euros. O proxecto está cofinanciado polos fondos FEDER da Unión Europea.
Relacionadas:
-
Marín xa prepara as súas praias para a Semana Santa
Por Redacción |
-
O balizamento das praias de Marín durante Semana Santa custará 10.000 euros
Por Redacción |
-
Programan un calendario de desbroces para manter en perfecto estado todo o municipio de Marín
Por Redacción |
-
Lavado de cara para o vial de praias
Por Redacción |