En quince días estará operativo o 'multamóbil' ou 'ollomóbil' da Policía Local
Por Oskar Viéitez
Segundo informou a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Carme Da Silva, en quince días estará operativo o vehículo de control de estacionamentos, coñecido como 'multamóbil' ou como prefire denominalo o Goberno Local, o 'ollomóbil'.
Trátase dun vehículo policial rotulado que incorpora cámaras que permiten ler a matrícula dos vehículos mal estacionados, tomar imaxes e tramitar de forma electrónica o expediente sancionador correspondente.
O sistema, en teoría, permitirá liberar un bo número de axentes municipais para outras tarefas e axudará a despexar algunhas das áreas onde son máis comúns as infraccións: zonas de carga e descarga, paradas de taxi e autobús, rúas onde a dobre fila é habitual ou aparcadoiros reservados para persoas con mobilidade reducida.
"O ollomóbil vai supoñer un avance moi importante para poder desenvolver o traballo de control e seguridade do tráfico", valorou Da Silva.
A Policía Local impón unha media de 40 multas diarias
"Temos o convencemento de que o efecto disuasorio que producen este tipo de vehículos vai facer que se mellore moitísimo o cumprimento das normas de tráfico en Pontevedra, que xa de por si é unha cidade na que se cumpre porque bastante máis dá metade das infraccións que se comente en Pontevedra son de fora do municipio", destacou a concelleira.
Da Silva subliñou que "en xeral, a xente do Concello e moi cumpridora das normas de tráfico senón sería moi difícil ter os niveis que temos de sinistralidade".
Segundo os datos municipais a Policía Local impón unha media de 40 multas diarias, o que supón unhas cifras moi baixas en comparación con outras cidades similares.
Relacionadas:
-
O 'ollomóbil' circula xa pola cidade en fase de probas
Por Redacción |
-
O 'multamóbil' atrásase ata a primeira quincena de febreiro
Por Natalia Puga |
-
Aprobada a compra do vehículo ao que Mosquera evita chamar 'multamóbil'
Por Anxo Lourido |
-
O PP advirte que o Concello prepara as rúas da cidade para que "arrase" o futuro multamóbil
Por Oskar Viéitez |