
© Mónica Patxot
Suplantan a identidade de Mardy Electrodomésticos: "O noso prestixio de 55 anos pode quedar moi prexudicado"

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Unha chamada dunha posible clienta fixo saltar todas as alarmas na tenda Mardy Electrodomésticos de Pontevedra.
O seu dono, Benito Domínguez, relata a PontevedraViva que "unha persoa de Madrid chamoume e preguntoume por casetas de xardín, que nós non traballamos en absoluto. Por iso fun indagando, fíxenlle preguntas e xa me dei conta de que era un timo".
Os estafadores crearan unha páxina aparentemente profesional, que reproducía os logotipos de Mardy Electrodomésticos e a identidade corporativa de Euronics, a marca internacional á que esta tenda pontevedresa está asociada.
"Suplantáronnos a páxina web, houbo alguén que abriu unha páxina cun nome moi parecido, que pon mardy-electrodomesticos.es [a web oficial de Mardy Electrodomésticos é: mardy.es], e é unha páxina con todos os nosos datos, o CIF, a dirección, a localización… e, sen embargo, cun teléfono distinto, claro", explica Benito Domínguez.
Teléfono diferente e tamén enderezo de correo electrónico simulado, as dúas vías polas que os supostos estafadores se comunicarían coas súas vítimas. O proceso do engano sería o seguinte: o cliente realiza a compra e efectúa o pago, pero nunca recibe o produto.
"Eu non son o estafado, a estafada vai ser outra xente, o problema é que o noso prestixio de 55 anos pode quedar moi prexudicado, a xente pode entrar en Facebook e darnos moi malas notas e falar mal de nós. Iso dáme rabia, e o que poida pasar", laméntase o dono de Mardy Electrodomésticos, cunha traxectoria de máis de 40 anos na súa tenda da Praza da Glorieta de Compostela, posteriormente en Peregrina, 52, e desde abril de 2019 na rúa Virxe do Camiño, 12.
Benito Domínguez asegura que os timos proliferan na internet, aínda que no seu caso é a primeira experiencia deste tipo. "Non sei por que me escolleron a min, a verdade, a lotería non me toca pero isto si", afirma cun sorriso de resignación.
Na mañá deste xoves 16 de marzo presentou a denuncia na Policía Nacional, nun intento de evitar que algunha persoa sexa estafada. "Non sabemos se enganaron a alguén". Ao peche desta información, a páxina que suplanta a identidade de Mardy Electrodomésticos seguía activa.
"Indagando, sabemos que o día 12 de marzo é cando abriron a páxina. Chamamos ao teléfono da web, preguntamos en plan coma se fósemos un posible cliente e preguntámoslle: vós sodes os que tedes a tenda en Pontevedra na rúa Virxe do Camiño? Si, somos nós. E cando lle dixemos: mira, pois nós somos os da tenda, colgaron", relata Benito Domínguez.
O dono de Mardy Electrodomésticos non lembra un feito similar na súa longa traxectoria. Apúntanos un engano recente que, grazas á súa experiencia na atención ao cliente, puido detectar a tempo.
"Chaman dicindo que teñen un avó aquí en Pontevedra e se lle podiamos levar un frigorífico combi, que xa me mandan a transferencia. E a transferencia é un lío, porque hai que autorizala e se lle dás a un botón, o que fas é darlle ti a transferencia a eles. É o único que pasou, hai un ano disto. E a todos os comerciantes da tenda Euronics, pasoulles a todos".
Tamén nesa ocasión Benito Domínguez presentou a correspondente denuncia, "pero nada, non hai nada que facer".