Vialia estreará o 5 de abril a súa nova cara coa apertura do primeiro supermercado Aldi de Pontevedra

Por Natalia Puga
O desembarco da cadea de supermercados Aldi en Pontevedra xa ten data. Será o día 5 de abril, coa apertura do seu local de no centro Vialia un novo negocio que cambiará totalmente o aspecto desta área comercial e de lecer anexa á estación de ferrocarril.
A multinacional alemá leva en obras desde principios deste ano 2023 para preparar gran parte da planta baixa do centro Vialia para a súa nova actividade. Ocupará unha superficie comercial de 1.240 metros cadrados.
En xaneiro, a compañía confirmou a este xornal que o supermercado abriría durante o primeiro semestre de 2023, antes do verán, pero finalmente esa apertura adiantouse a abril.
O baixo de Vialia permanece valado para poder realizar as obras con total garantía de seguridade e nos últimos días colocou dúas grandes lonas en dúas das súas fachadas anunciando a apertura.
As obras cambiaron totalmente a planta baixa de Vialia cunha gran actuación integral na que Aldi anunciou que investiría case 838.000 euros.
Coa chegada de Aldi a Vialia desaparecen o restaurante chinés, a sala de xogos e a entrada pola rúa Eduardo Pondal. O supermercado ocupará case toda a planta baixa do centro e a el poderase acceder desde un dos seus laterais, á beira da estación de tren.
Ademais, o antigo ximnasio situado no soto deste centro comercial, que quedara en desuso, será reconvertido en aparcadoiro, uníndoo coas actuais prazas soterradas baixo o edificio. Todo este espazo será para uso exclusivo do supermercado, con espazo para 67 vehículos de catro rodas e con cinco prazas para motos.
Este non é o único supermercado que entra nos plans de Aldi en Pontevedra, senón que abrirá unha segunda área comercial na avenida de Lugo, nas inmediacións da gasolineira. Aínda non hai data confirmada para esta nova actividade, pero si que será durante o ano 2023.
Relacionadas:
-
Un supermercado de máis de 1.000 metros cadrados e 16 persoas para o desembarco de Aldi na cidade
Por Redacción |
-
Aldi prevé abrir antes do verán o seu supermercado en Vialia
Por Alejandro Espiño |
-
Aldi xa ten licenza para habilitar o seu supermercado en Vialia
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello concede licenza ao segundo supermercado de Aldi que construirá na avenida de Lugo
Por Oskar Viéitez |
-
Revolución en Vialia, que cambiará de aspecto coa chegada de Aldi
Por Alejandro Espiño |