Revolución en Vialia, que cambiará de aspecto coa chegada de Aldi
Por Alejandro Espiño
A chegada de Aldi a Pontevedra supoñerá un cambio radical en Vialia. A cadea alemá de alimentación, que en Galicia só estaba presente en Santiago, abrirá un gran supermercado neste centro comercial, ocupando gran parte da súa planta baixa.
Desaparecerá o restaurante chinés, a sala de xogos e a entrada ao centro pola rúa Eduardo Pondal. A zona de vendas do supermercado ocupará 1.038 metros cadrados e unicamente compartirá espazo cos cines, que terán que trasladar os seus despachos de billetes.
Aldi prevé investir uns 800.000 euros nesta reforma integral do ámbito que ocupará en Vialia, abrindo unha entrada exclusiva por un dos seus laterais, á beira da estación de tren.
Ademais, o antigo ximnasio situado no soto deste centro comercial, que quedara en desuso, será reconvertido en aparcamento, uníndoo coas actuais prazas soterradas baixo o edificio, quedando todo este espazo para uso exclusivo do supermercado. Contará con espazo para 68 coches.
En total, a multinacional contará con 3.688 metros cadrados á súa disposición, onde xunto coa zona de venda, haberá zona de almacéns e diferentes talleres.
Tras quedar bloqueada a entrada a Vialia por Eduardo Pondal, o acceso aos cines farase pola entrada lateral situada xunto á parada de taxis. Tamén se manterá a cafetería Gambrinus e os locais comerciais -agora baleiros- en todo ese corredor.
A complexidade técnica do proxecto fará que esta reforma dure certo tempo. "Antes do verán non vai a ser", sinalou o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda.
Este non será o único supermercado que Aldi abrirá en Pontevedra, xa que ten previsto un segundo centro na Avenida de Lugo, xusto á beira da gasolineira actual.
Para o Concello, segundo Moreda, a chegada da cadea alemá a Pontevedra demostra que as grandes compañías "teñen interese por instalarse na cidade" e, concretamente, nunha zona "en expansión" como é a contorna de Eduardo Pondal e O Gorgullón.