Nova remesa de 9,8 millóns de euros da Deputación para os concellos da provincia

Por Natalia Puga
9,8 millóns de euros. É a nova remesa de fondos que mobilizou este venres a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, unha cantidade que a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que se destinará "para o apoio aos concellos da provincia".
Deses preto de dez millóns de euros, 3,1 millóns están destinados a novas achegas do Plan Concellos. Serán 18 achegas para 12 municipios e na Liña 1 de Investimentos.
A maior contía é para Sanxenxo, con 866.427 euros que se destinarán ao financiamento do plan de asfaltado de viarios municipais. Meaño recibirá 383.186; para Cambados serán 243.415; e en Bueu aprobáronse dúas achegas, de 237.828 e 107.753 euros.
Outros concellos de Pontevedra e a súa área de influencia tamén recibirán fondos. O Grove recibirá 158.916 e Vilagarcía, 117.532.
No que atinxe á Liña2 de amortizacións de gastos e de actividades socioculturais, Vilagarcía recibirá 120.362 euros; O Grove, 75.611; Cerdedo-Cotobade recibirá 71.432; e Bueu, 62.626.
Outros 3,1 millóns vanse destinar á mellora de sete estradas provinciais baixo o modelo de mobilidade amable e sostible.
Outros 2,5 millóns que se van mobilizar correspóndense a fondos europeos que se van destinar a proxectos de instalacións xeotérmicas sostibles, instalacións de biomasa, iluminación exterior sostible e para 'Da Túa Man Rural'.
Este proxecto centrado no rural ten un orzamento de 784.905 euros que beneficiará, entre outros, aos concellos de Barro, Campo Lameiro, Cuntis ou Meis.
O medio millón de euros restante correspóndese co programa En Ruta coa Depo 2023, que este ano ten un orzamento de 479.450 euros e ofrece un total de 20.000 prazas.
Entre as novidades deste ano figuran itinerarios á Illa de Tambo e ao denominado Galaicos, polo museo e o xacemento de Castrolandín en Cuntis, dirixida especificamente para Anpas.
Agora mesmo está aberto o prazo de inscrición, que finaliza o 14 de marzo.