Unha persoa ferida nunha colisión entre un turismo e un camión de conxelados na AP-9 á altura da Barca
Por Oskar Viéitez
O 112 Galicia informou dun accidente de tráfico ocorrido poucos minutos despois das oito horas da mañá deste martes.
Unha colisión entre un camión e un coche deixou unha persoa ferida á altura da ponte da Barca da autoestrada de peaxe AP-9.
Este sinistro obrigou a cortar un carril de circulación e provocou retencións quilométricas.
Foron varias as persoas que chamaron ao 112 para informar da situación, entre elas, o camioneiro implicado na colisión. Todos os relatos coincidían ao indicar que o choque tivera lugar cando o turismo trataba de realizar unha manobra de adiantamento, que, acabou impactando contra o vehículo de transporte de conxelados.
Desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, posto que o condutor do vehículo presentaba molestias, a pesar de estar liberado e accesible.
Debido á presenza de restos na calzada, pasouse aviso aos Bombeiros de Pontevedra, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía local e ao servizo de mantemento da vía.