A ampliación da piscina de Fontecarmoa farase en dúas fases ao duplicar o seu custo
Por Redacción
A obra de "Reforma, mellora e ampliación da piscina municipal de Fontecarmoa" executarase en dúas fases co obxectivo de asumir o custe total da actuación, que se eleva aos 3.701.560 euros, segundo o proxecto presentado polo arquitecto Jesús San Vicente Domingo.
O Concello de Vilagarcía informou de que, para poder licitar a actuación en dúas fases é necesario desagregar o proxecto en dous lotes diferenciados, traballos adxudicados ao mesmo arquitecto por 3.500 euros e un prazo de entrega de dúas semanas.
Como xa se dixo, o lote 1 referirase ao proxecto básico e de execución da reforma de vestiarios na piscina actual e reparación da fachada sur, e terá un custe de 517.445 euros. E o segundo, ao relativo á construción dunha nova piscina municipal en Fontecarmoa dotada de bancadas e a súa conexión co actual módulo, definindo ademais as actuacións de urbanización. O custe desta actuación ascenderá a 3.184.114 euros.
O orzamento da obra proxectada polo arquitecto Jesús San Vicente duplica o importe previsto inicialmente polo Concello por dúas cuestións principais. A primeira, pola continuada escalada de prezos que están a sufrir os materiais da construción no último ano e medio e, en segundo lugar, polos criterios de calidade seguidos polo redactor tanto no contido como no continente das futuras instalacións, atendendo tanto á funcionalidade dos servizos como á estética da construción. Por isto, xunto coa necesidade de modernizar e ampliar as actuais instalacións, tal e como levan anos demandando os usuarios, o executivo local aposta por esta importante obra.
Inicialmente, o Concello tiña reservados 1.6 millóns de euros para financiar o proxecto, 600.000 a través do préstamo correspondente ao orzamento municipal de 2020, e o resto a través do programa "Vilagarcía Avanza", financiado cos fondos europeos da EDUSI. O executivo local vén traballando dende hai tempo na procura do financiamento para acometer a segunda fase do proxecto.
UN VASO DE 25 METROS DE LONXITUDE
O proxecto de "Reforma, mellora e ampliación da piscina municipal de Fontecarmoa" prevé a construción dun novo vaso de 25x12,5 metros (para complementar ao da actual instalación), nun volume independente pero conectado funcionalmente co actual edificio mediante un paso ou corredor cuberto. O proxecto contempla a reparación ou nova solución arquitectónica para a actual galería vidrada, que presenta graves problemas de estanquidade.
A ampliación desenvolverase nun edificio dunha única planta, resolve os accesos separados de deportistas e público asistente ás competicións e proxecta unha zona de bancada para presenciar as competicións. Ademais, prevé a construción dun nivel de soto onde instalar os sistemas de depuración e climatización, o vaso de compensación e outros equipamentos necesarios para o funcionamento da piscina. Tamén proxecta dependencias técnicas para aloxar en superficie os sistemas de ventilación.
Relacionadas:
-
Tres millóns de euros para ampliar as piscinas de Fontecarmoa
Por Redacción |
-
Unha placa conmemorativa na piscina de Fontecarmoa para homenaxear a Celestino Brianes Lojo
Por Redacción |
-
A licitación da piscina de Vilagarcía recibe polo menos unha oferta e desbloquea o proxecto
Por Redacción |
-
Xunta e Concello de Vilagarcía colaborarán na reforma integral do pavillón de Fontecarmoa
Por Redacción |
-
Vilagarcía inicia os trámites para construír a súa segunda piscina
Por Redacción |