Tres millóns de euros para ampliar as piscinas de Fontecarmoa
Por Redacción
O convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vilagarcía para financiar as obras de ampliación das piscinas de Fontecarmoa xa é unha realidade. Foi asinado este mércores polo presidente provincial, Luis López, e o alcalde, Alberto Varela.
Esa colaboración, enmarcado no programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030), suporá que a Deputación achegue o 30% do orzamento. O Concello, pola súa banda, pagará o 70% restante, uns 2,1 millóns de euros.
A obra, valorada en máis de tres millóns de euros, servirá para construír un novo edificio que albergará unha nova piscina.
O novo inmoble, que será levantado nunha parcela do complexo deportivo de Fontecarmoa, estará conectado co edificio da piscina municipal xa existente a través dunha galería.
A nova edificación caracterizarase por contar cunha piscina de 25 metros e seis rúas, nun inmoble de planta baixa con cuberta inclinada a unha auga. No interior, habilitarase unha bancada dunhas 300 localidades e os espazos serán diáfanos e funcionais.
O proxecto complétase coa urbanización da zona exterior, na que se crearán novas prazas de aparcamento, se suprimirán barreiras arquitectónicas, se dotará de uniformidade estética dando continuidade aos pavimentos e se plantarán árbores de gran porte.
As obras, segundo recolle o convenio, deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025.
A ampliación da piscina municipal de Fontecarmoa é un ambicioso proxecto presupostado en 3,7 millóns de euros que se realizará en dous lotes. O primeiro, cun orzamento de medio millón de euros que se financia con fondos europeos, está executándose e consiste na remodelación e reordenación dos vestiarios das actuais instalacións e no arranxo da galería da fachada sur.