Preocupación polo "grave deterioro" que presenta o Pazo de Lourizán
Por Oskar Viéitez
O presidente da Deputación provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, alertou do "estado de grave deterioro" que presenta o Pazo de Lourizán. Este emblemático inmoble do século XV, que foi residencia do presidente do Goberno, Eugenio Montero Ríos, estase a degradar de xeito moi preocupante co paso do tempo vítima do abandono ao que foi condenado por todas as institucións.
O Pazo é unha propiedade da Deputación que está cedida á Xunta como Centro de Investigacións Forestais. Lonxe quedaron vellas promesas de contidos para este recinto como a sede do Parque Natural Illas Atlánticas, ou o Centro Ambiental de Galicia, tampouco o Instituto Climatolóxico da comunidade autónoma, nin sequera o centro de estudos botánicos. Non obstante nunca como agora a mansión de Monteiro Ríos tivo tantas visitas de turistas, aínda que estas se limitan aos xardíns.
Ante a proximidade do Congreso Internacional da Camelia que acollerá a cidade de Pontevedra entre o 11 e 15 de marzo, Rafael Louzán, recordou que este encrave é un deses xardíns de referencia pero lamentou o estado do edificio.
"Máis pronto que tarde entre ás distintas administracións temos que traballar na rehabilitación deste Pazo", admitiu Louzán que xa advertiu desta circunstancia nunha intervención no Parlamento de Galicia.
A última referencia a este problema por parte da Xunta de Galicia fíxoa o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, que comprometeu a recuperación do edificio "ao longo desta lexislatura". Xunta e Deputación buscan dende entón fórmulas de financiamento "pero de todos e coñecida a situación económica", admitiu Louzán.