Renovación de 60 luminarias nas localidades marinenses de Xuncal e Igrexario
Por Redacción
O remate das tarefas de instalación de sesenta luminarias nos lugares de Xuncal e Igrexario, no Concello de Marín, motivaron a visita da alcaldesa María Ramallo, acompañada de varios concelleiros do goberno local, para comprobar coa veciñanza destas localidades o resultado dunha actuación que permitiu crear un 60 % de novos puntos de luz e renovar o 40 % restante.
Este proxecto de eficiencia enerxética, que entronca cos obxectivos de aforro enerxético e de coidado do medio ambiente, supón un avance moi importante para a seguridade e a comodidade da veciñanza da zona. A intención, tal e como recalcou o concelleiro Pablo Novas, “é seguir impulsando este tipo de proxectos, sobre todo naqueles núcleos que aínda tiñan unha instalación de alumeado público antiga”.
Ademais, neste caso, sumouse a integración de toda a iluminación da contorna da Igrexa e do atrio parroquial, poñendo en valor os elementos do patrimonio histórico da parroquia.
En total, investíronse cerca de 40.000 euros, que se suman ás inversións que se realizaron con anterioridade en Vilaseca-O Pazo e en Malvido.