A fichaxe do alcalde de Ribadumia polo PP desata unha tormenta política
Por Oskar Viéitez
A fichaxe do actual alcalde de Ribadumia, David Castro, por parte do Partido Popular ha provocado unha fractura dentro do grupo de goberno local.
A primeira consecuencia foi que dúas das concelleiras que formaban parte xunto ao alcalde de Independentes de Ribadumia, Pilar Martínez e Mar Moimenta presentaron a súa dimisión como representantes da súa formación política.
Ambas tiñan senllas liberacións parciais para desempeñar as súas responsabilidades no gonbierno local, Mar Moimenta como concelleira de Obras e Urbanismo e Pilar Martínez era a portavoz do equipo de goberno e concelleira de Contas e Facenda. Agora pasaranse ao grupo mixto.
Con estas dimisións Independentes de Ribadumia perde a maioría absoluta e quedará en minoría con seis concelleiros, fronte aos sete da oposición: tres do Partido Popular, as dúas concelleiras recentemente dimitidas e os representantes de Somos Ribadumia e do Partido Socialista.
A segunda consecuencia da fichaxe do alcalde polo PP foi a creación dun grupo na internet, baixo a denominación de Xuntos por Ribadumia, que anuncia a súa intención de formar unha lista e concorrer ás eleccións.
As dimisións destas concelleiras faranse efectivas no pleno deste xoves.
En comunicado conxunto Pilar Martínez e Mar Moimenta explicaron que "o motivo desta renuncia é respectar e ser coherentes co proxecto ao que nos unimos en 2003 da man de Nené Barral e que defendemos nos mandatos de 2007, 2015 e 2019, un proxecto que pretendía, e cremos que o conseguiu, cambiar a vida política de Ribadumia e as formas coas que gobernaba o Partido Popular: clientelismo, crispación, uso partidista das administracións…".
As concelleiras dimisionarias engaden que "o paso de David Castro (presidente actual de Independentes por Ribadumia) ao Partido Popular rompe aquel pacto establecido cando se formou IR de representar a todos os veciños de Ribadumia, fóra de siglas partidistas".
No seu escrito Pilar Martínez e Mar Moimenta aproveitan para "pedir perdón a aqueles votantes e simpatizantes de IR agora mesmo defraudados ou decepcionados" e tamén pola perda "daquel espírito independente", e dan as grazas a Nené Barral por confiar nelas cando iniciou o seu proxecto político.
Por último, xustifican que non renuncian á súa acta na corporación porque "o noso compromiso cos veciños que nos votaron no seu momento é ata o final do mandato".
Relacionadas:
-
O BNG de Ribadumia presenta no Auditorio a candidatura encabezada por Vanessa Fariña
Por Redacción |
-
Os concelleiros do PP de Ribadumia aseguran sentirse "traizoados" polo presidente provincial
Por Oskar Viéitez |
-
David Castro, alcalde de Ribadumia, volve ao PP para ser candidato nas municipais
Por Redacción |