Día de troula en Cuntis cun desfile que metou á vila de cheo no Entroido
Por Redacción
O deste domingo tamén foi un día crave no Entroido de Cuntis. Decenas de persoas participaron no tradicional desfile que animou as principais rúas da vila termal.
Todos eles partiron, sobre as catro e media da tarde, das coñecidas como Casas do Monte, tras o cal pasaron por Bernardo Sagasta, a Rúa do Balneario, a Rúa da Presiña ou a circunvalación Don Aurelio, antes de chegar á Praza da Constitución.
Por Cuntis deixáronse ver, entre outros, uns divertidos coches de choque, personaxes de ficción como o Joker ou Alvin e os esquíos ou unhas peculiares caixas de música.
Tamén se coaron asuntos de actualidade como a polémica entre Shakira e Piqué ou propostas inspiradas noutras culturas como a mexicana.
Nesta ocasión, o Concello repartiu 3.000 euros en premios entre todas as comparsas, grupos, parellas e persoas a título individual que quixeron mostrar os seus disfraces, todos eles xurdidos tras moitas horas de traballo.