Traballadores de oficinas mobilízanse en Pontevedra e Vilagarcía para esixir un novo convenio colectivo
Por Redacción
Un nutrido grupo de traballadores do sector de oficinas e despachos mobilizouse este venres en Pontevedra e Vilagarcía convocados pola CIG para forzar a negociación do convenio provincial, que leva caducado desde o 2012, denuncian desde o sindicato.
As protestas para reclamar unha mellora das condicións laborais deron comezo ás 15 horas diante da sede da Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa da Provincia de Pontevedra (AEMPE), en Pontevedra, e na Praza Ravella, en Vilagarcía.
No caso de Pontevedra tivo lugar tamén unha manifestación polos arredores da sede da patronal, mentres que en Vilagarcía se celebrou ademais unha asemblea previa. En ambas as dúas mobilizacións os berros máis escoitados foron “convenio digno, convenio xa” e “patronal, escoita, estamos en loita”.
O pasado 19 de xaneiro xa tivera lugar unha asemblea de traballadores do sector en Pontevedra na que se abordou o estado de conxelación no que se atopa o convenio colectivo provincial, sen negociar dende o 2012 pola ausencia de interlocución tras a disolución da patronal, tendo a Confederación de Empresarios de Pontevedra que asumir ese papel.
"É por iso que ante o escenario no que nos atopamos, na CIG temos a convicción de que a única vía para acadar as melloras que merecemos é a de mobilizarnos", explican desde o sindicato.
Relacionadas:
-
A CIG conmemorará o Día da Clase Obreira Galega con mobilizacións
Por Redacción |
-
O persoal da empresa Marfrío de Marín mobilízase e demanda melloras laborais e salariais
Por Redacción |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |
-
Protesta tras dous meses limpando sen cobrar as oficinas de Tráfico da Garda Civil
Por María José Pita |
-
Protesta do persoal do BBVA contra o despedimento de 3.800 traballadores
Por Manu Otero |