Protesta do persoal do BBVA contra o despedimento de 3.800 traballadores
Por Manu Otero
Os traballadores do banco BBVA levaron a cabo esta mañá un paro xeneralizado en sinal de protesta contra a intención da empresa de executar un expediente de regulación de emprego (ERE) que deixaría a 3.800 persoas na rúa, 122 delas en Galicia e 26, na provincia de Pontevedra.
"O banco decidiu que lle sobran 3800 persoas e o xeito que ten de reducir custes e aumentar beneficios é botando a todo ese perosal á rúa. Non nos parece que sexa algo aceptable tendo en conta os beneficios que o banco anunciou no primeiro trimestre e a suba de salarios para a xunta directiva. Non hai nada que o xustifique", sostén Begoña Fernández, delegada de persoal da CIG na oficina da rúa Gutiérrez Mellado.
A pesar das mobilizacións levadas a cabo ao longo de todo o mes, con concentracións diante de oficinas das catro provincias galegas, paróns puntuais durante a xornada ou unha folga xeral secundada o día 26 por todos os traballadores do banco, "a empresa segue nas mesmas", recalca Fernández. "Na prensa fálase de prexubilacións, pero diso nada é un despedimento colectivo puro e duro. Irémonos á rúa. Non hai prexubilacións nin ningún tipo de acordo", engade Castor Fernández, delegado de persoal de Comisións Obreiras na mesma oficina.
Co obxectivo de seguir presionando á directiva do BBVA, os traballadores teñen prevista a celebración dun novo paro de 24 horas o día 2 de maio. "A negociación remata esta semana, veremos se seguimos loitando ou o banco retira o ERE que é o que agardamos que aconteza", revela Fernández, moi molesta pola falta de cumprimento por parte da empresa do recolleito no convenio colectivo, pois unha das solucións que propoñían era, a través dunha ETT, recolocar a parte dos traballadores nun novo servizo de telemárketing.
"Non hai motivos para despedimentos nin cambios de funcións. Unha das propostas que fai o banco é crear un servizo de telemárketing e para iso propón mover a xente máis aló dos 25 quilómetros que están establecidos no convenio", rexeitan os representantes dos traballadores.
Relacionadas:
-
Traballadores de oficinas mobilízanse en Pontevedra e Vilagarcía para esixir un novo convenio colectivo
Por Redacción |
-
O ERE do BBVA inclúe 26 despedimentos na provincia de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Caixabank prevé 26 despidos en Pontevedra tras a súa fusión con Bankia
Por Oskar Viéitez |
-
Si, os bancos tamén pechan. E en Pontevedra foron dúas oficinas
Por Redacción |