O persoal da empresa Marfrío de Marín mobilízase e demanda melloras laborais e salariais
Por Redacción
Persoal da empresa de alimentación Marfrío, con sede en Marín, mobilizouse este venres para reclamar melloras laborais e salarais.
O 100% dos operarios e operarias de fabricación de elaborados, mantemento, oficinas, e do frigorífico, abandonaron os seus postos de traballo e secundaron o paro parcial e protestaron na contorna das instalacións da compañía no espigón norte do Porto marinense.
Demandan "melloras laborais e salariais" e insisten en que levan "máis dun ano de negociacións sen acordo", polo que decidiron abandonar os seus postos de traballo entre as 11:00 a 12:00 horas convocados polo comité de empresa para "rexeitar a actitude inmobilista da dirección, que tras máis dun ano negociando sen acordo a renovación do convenio de empresa".
Segundo explicou Xabier Aboi, representante da FGAMT-CIG de Pontevedra, "incluso con mediación do AGA, continúa sen querer evitar a perda de poder adquisitivo por parte do cadro de persoal nin avanzar en dereitos laborais". Denuncian tamén o "elevado custe salarial dunha dirección que está máis preocupada pola propaganda que por ter unha boa empresa na que se garanta o respecto polos traballadores".
O paro será tamén de 17:00 a 18:00 horas para que poida participar o persoal da quenda de tarde, e o estenderán tamén ao mércores 7 e ao venres 9 no mesmo lugar e no mesmo horario, xornadas nas que tamén haberá mobilizacións diante da empresa.
"Non se pode permitir que unha empresa que en tempos era a avanzadilla en dereitos sociais e laborais, que logo eran copiados por outras compañías do sector de alimentación, trate así ao seu persoal e non permita un convenio con dereitos que garanta o poder adquisitivo", rematou Aboi.
Relacionadas:
-
Traballadores de oficinas mobilízanse en Pontevedra e Vilagarcía para esixir un novo convenio colectivo
Por Redacción |
-
O Porto de Marín experimenta "unha evolución positiva" en tráfico de pesca conxelada
Por Redacción |
-
O porto de Marín debuta como receptor de atúns procedentes do Atlántico e do Índico
Por Redacción |
-
Marfrío asina un convenio colectivo con 2.000 euros anuais de salario por encima do sector
Por Oskar Viéitez |