Aprobado o proxecto para crear dous aparcadoiros disuasorios para fomentar o vehículo compartido no Salnés
Por Anxo Lourido
Este xoves aprobábase polo Consello de la Xunta o proxecto de trazado para a execución de dous aparcamentos disuasorios para o fomento do vehículo compartido na comarca do Salnés. O investimento previsto ascende a máis dun millón de euros.
Estes espazos serán creados nos municipios de Vilagarcía de Arousa e de Ribadumia cun total de 136 prazas novas de estacionamento.
O primeiro dos proxecto establecerase nas inmediacións da glorieta da vía de alta capacidade entre Cambados e Vilagarcía (VG-4.3) que se une á N-640, no lugar de Coruxo, dentro do municipio de Vilagarcía de Arousa. Contará con 59 prazas, nove delas serán en liña e o resto en batería. Do total, dúas serán reservadas para vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida.
Este novo aparcamento terá unha superficie de 1.950 metros cadrados, situado nun recheo xa existente, e dispoñerá dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para o paso peonil. Tamén contará con carrís de circulación de sentido único. Para o acceso ao aparcamento será necesario acondicionar a vía de acceso actual, indica a Xunta.
O segundo aparcadoiro aprobado situarase na contorna da rotonda entre a autovía do Salnés (AG-41) e a VG-4, no núcleo de Barrantes, no concello de Ribadumia. Presentará unha superficie de 2.815 metros cadrados nun espazo adxacente á estrada provincial EP-9405 e atoparase bordeada pola gabia de San Martiño, onde actualmente xa se estacionan vehículos. A capacidade será de 77 prazas, todas en batería, con dúas reservadas para mobilidade reducida.
A Xunta contempla o acondicionamento do vial de acceso existente co reforzo do firme en todo o ancho da plataforma. Elevarase o paso de peóns actual e executarase un paso de peóns novo. Ademais, dispoñerá de 80 metros de varanda para protexer a caída ao leito do río San Martiño e 52 metros de valado para illar o predio lindeiro.
O seguinte paso será a expropiación de propiedades necesarias. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade convocará o levantamento das actas previas no segundo trimestre deste 2023. A licitación destas dúas obras será independente e prevese que poidan executarse na primeira quincena de marzo para que se inicien os traballos despois do verán de 2024. O prazo de execución é de cinco meses.
Con estas dúas novas intervencións, a administración autonómica quere fomentar o uso compartido de vehículos, que neste caso centraríase en favorecer as viaxes entre a zona do Salnés e as áreas de Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela. Desta forma, o goberno galego quere contribuír a implantar zonas de baixas emisións nestas cidades.
O proxecto englóbase dentro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE para transformar a mobilidade nas contornas urbanas.
CANCELADO O PROXECTO DE CALDAS DE REIS
En novembro de 2022, o departamento de Infraestruturas da Xunta tamén someteu a información pública, ademais destas dúas actuacións, un terceiro proxecto para crear un terceiro aparcamento na estrada autonómica PO-305, preto de Saiar, no municipio de Caldas de Reis.
O proxecto cancelouse porque un particular presentou unha alegación en que facía referencia a uns dereitos previos por estar en tramitación a construción dunha gasolineira sobre o terreo en que estaba previsto o aparcamento disuasorio.
Relacionadas:
-
O Consello da Xunta aproba o proxecto dun aparcadoiro disuasorio na estrada vella de Marín
Por Redacción |
-
O Enterro da Galiña pon o peche este sábado ó Entroido de Ribadumia
Por Redacción |
-
Vilagarcía contará cun novo aparcamento disuasorio de 83 prazas
Por Redacción |
-
A Xunta habilitará aparcadoiros disuasorios gratuítos na periferia de Vilagarcía, Caldas e Ribadumia
Por Redacción |