Vilagarcía contará cun novo aparcamento disuasorio de 83 prazas
Por Redacción
A próxima zona de Vilagarcía que contará cun aparcamento disuasorio público e gratuíto será o Bosque de Desamparados, onde o Concello creará 83 novas prazas de estacionamento.
A actuación foi aprobada na última Xunta de Goberno e terá un custe de 48.383 euros a financiar cos fondos Next Generation e un prazo de execución de 1 mes. A previsión do goberno é contratar a obra no prazo duns quince días, co que o aparcamento poderá estar operativo esta mesma primavera.
Para este novo estacionamento disuasorio, o Concello utilizará os terreos de titularidade municipal que lle corresponderon polas cesións da urbanización do Bosque de Desamparados.
Trátase da parcela de 2.873 metros cadrados que discorre nos seus lados máis longos, entre a parte posterior da Escola Oficial de Idiomas e os solares privados paralelos á rúa Desamparados, e nos extremos más curtos, entre o arco de pedra e o campo municipal de fútbol da Lomba. O acceso ao estacionamento realizarase por unha rampla situada no extremo da rúa Desamparados máis próxima ás instalacións deportivas.
Tal e como aparece especificado na memoria técnica, a execución da obra conleva a realización do movemento de terras necesario para a retirada de terra vexetal, nivelación do terreo e apertura da caixa para o novo firme, que se construirá cunha base de zahorra artificial e firme de xabre.
O perímetro municipal delimitarase con bordo de formigón, material que tamén se utilizará para construír a rampla de entrada e saída do aparcamento. A actuación completarase coa instalación das correspondentes canalizacións para a recollida de augas pluviais e a construción de tres pozos de rexistro.
Segundo explicou o Concello de Vilagarcía, este aparcamento está financiado a tráves do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) para o cal obtivo 2,5 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation correspondentes ao Plan Estatal Turístico Xacobeo.
O plan vilagarcián está orientado a desenvolver proxectos que modernicen o turismo sostible mediante accións de recuperación de espazos, dotación de infraestruturas e equipamentos e creación de novos servizos; así como a executar actuacións de sinalización inclusiva e dixitalizada. A intervención de Desamparados encaixa no eixo 1 deste plan, o denominado de Transición Verde, e que inclúe unha liña destinada ao acondicionamento de párkings disuasorios.
Con estes aparcamentos se ampliará a oferta de prazas públicas e permitirá absorber as necesidades que se rexistran na zona en momentos puntuais como ocorre en partidos de fútbol o torneos. Tamén darán servizo aos residentes e visitantes.
O disuasorio de Desamparados pasará a incorporarse á liña de bolsas xa habilitadas anteriormente entre a glorieta da Luz Salgada e O Piñeiriño, no eixo que forman as avenidas Rodrigo de Mendoza, Doutor Tourón e Avenida de Cambados.
Así, aos estacionamentos públicos dispoñibles na zona dos supermercados das Carolinas, na Finca Douro, no solar municipal anexo e dos dous de Fexdega, súmase o de Desamparados, seguindo a liña cara aos disuasorios da avenida de Cambados, ao da parcela anexa ao colexio do PiñeirIño e ao do pavillón de Fontecarmoa.
A estes aparcamentos hai que engadir os habilitados noutros puntos do municipio como no triángulo do Con, nos Duráns, en Marxión, na Golpelleira, na Escardia, na Rúa da Concha e en Carril (avenida Rosalía de Castro).
Relacionadas:
-
Habilitan 540 prazas de aparcamento na Finca Douro mentres se pecha parcialmente o de Fexdega por obras
Por Redacción |
-
Restricións de tráfico en Doutor Tourón e Avenida de Cambados por asfaltado
Por Redacción |
-
Aprobado o proxecto para crear dous aparcadoiros disuasorios para fomentar o vehículo compartido no Salnés
Por Anxo Lourido |
-
A Xunta habilitará aparcadoiros disuasorios gratuítos na periferia de Vilagarcía, Caldas e Ribadumia
Por Redacción |