Caldas de Reis inaugura o entroido cun desfile
Dá comezo o entroido este domingo en Caldas de Reis. O municipio inicia estas festas co Desfile de Entroido, que sairá ás 17:00 horas do paseo Román López e seguirá polas rúas principais.
Este desfile contará coas seguintes categorías: carrozas; centros educativos e ANPAS; mellor animación; individual; parellas e, por último, grupos. Nestas tres últimas modalidades hai premios por separado para adultos e para participantes infantís.
Cada categoría conta cuns premios económicos. Nas modalidades de animación e en carrozas hai dous premios. O primeiro posto na modalidade de carrozas gañará 300 euros e o segundo 120 euros . En cambio, na categoría de animación, ao primeiro posto daráselle 90 euros e ao segundo 60 euros.
Na categoría de parellas, o primeiro premio ten un valor de 120 euros, o segundo 90 e o terceiro de 60 euros, tanto para adultos como para nenos. Mentres que os galardóns na modalidade de individual son de 90 euros, a primeira recompensa, 60 euros, a segunda recompensa, e 30 euros, a terceira recompensa.
Os premios máis grandes daranse nas categorías de grupos e na de centros educativos e ANPAS. Nestas modalidades hai catro recompensas, a primeira é de 300 euros; a segunda de 210 euros; a terceira de 170 euros e a última de 100 euros.
A parte deste evento, o Concello de Caldas programa para o venres 24 de febreiro o "Enterro da Sardiña", un evento festivo que se iniciará ás 21:00 horas na Praza da Alhóndiga.