Dúas alumnas do IES Sánchez Cantón reciben o primeiro premio do concurso nacional de educación cívico-tributaria
Por Redacción
As alumnas Claudia Casal Campelo e Violeta Fortes Villaverde, do IES Sánchez Cantón de Pontevedra, resultaron vencedoras en dous apartados do concurso nacional de Educación Cívico-Tributaria, que promove a Axencia Tributaria.
A peza publicitaria presentada por Claudia Casal lograba vencer na categoría audiovisual, mentres que Violeta Fortes obtiña o primeiro premio de redacción. Ambas conseguían así un computador, un libro e un diploma acreditativo. O instituto tamén recibía dous computadores, un por cada gañadora do concurso.
O programa desenvolveuse no curso 2021-22 na materia de Economía. As dúas mozas recibiron, co resto de estudantes desta especialidade, unha charla de Rebeca Calviño, técnica da Axencia Tributaria, sobre impostos e sobre a importancia de que a cidadanía asuma as súas responsabilidades tributarias.
Rosa Domínguez, profesora de Economía, animoulles a participar no concurso para traballar diferentes disciplinas e fomentar a creatividade ao mesmo tempo que adquirían coñecementos sobre o desenvolvemento da realidade socio-económica e o funcionamento das institucións.
Tras ser seleccionadas no marco provincial, viaxaron a Madrid acompañadas polo delegado provincial da Axencia Tributaria en Pontevedra. Alí, Jesús Gascón, secretario do Estado, entregaba os premios e mencionaba no discurso a cada unha das cidades das que procedían os tres gañadores e seis finalistas, destacando o éxito e a notable representación da cidade de Pontevedra, xa que Jimena Quinteiro, unha alumna do Sagrado Corazón, quedou finalista no apartado de redacción.