"Hoxe non queremos minutos de silencio porque o silencio é cómplice da violencia machista que nos asesina ano tras ano"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O asasinato machista de Beatriz Lijó en Baiona o pasado domingo, polo que o seu ex marido, Ángel Rodríguez da Costa, foi detido e derivado a Psiquiatría, sacou este mércores á rúa ao feminismo pontevedrés. Distintos colectivos da cidade realizaron unha concentración conxunta ante a Audiencia Provincial para manifestar a súa repulsa polo feminicidio.
"Somos o berro das que non teñen voz, é por iso que hoxe non queremos minutos de silencio porque o silencio é cómplice da violencia machista que nos asasina ano tras ano", proclamaron as persoas asistentes a través dun manifesto conxunto.
Entre os asistentes, ademais de asociacións como o Colectivo Feminista de Pontevedra ou Comando Mazá, tamén había unha ampla representación sindical e política, encabezada polos alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobra, os dous do BNG. E tamén as concelleiras Eva Vilaverde, Came da Silva ou Pilar Comesaña.
O manifesto lembrou que desde o ano 2010 un total de 69 mulleres foron asasinadas en Galicia, "as cifras da vergoña" e pide ás institucións que "deixen de gardar minutos de silencio e comece a preocuparse pola vida e pola seguranza das mulleres".
Así, insisten en que "de nada serven lazos lilas se a realidade son políticas criminais e abusivas contra as mulleres" e critican de xeito particular ao Partido Popular e o Goberno da Xunta de Galicia pola súa campaña de igualdade que empregou o lema "non debería pasar pero pasa” e por financiar "campañas misóxinas" como a de San Valentín. "Non queremos que nos goberne un partido machista", insisten.
O feminismo pontevedrés lembra tamén que "sen organización e sen loita non hai dereitos para as mulleres" e esixe que a lei galega para a prevención e o tratamento integral de violencia de xénero "sexa efectiva" e existan recursos suficientes para abordar este problema e "un compromiso real para acabar co terrorismo machista".
"Temos dereito a ser libres, iguais e a estar no mundo sen pagar por esa liberdade. Querémonos libres, querémonos vivas e seguiremos en marcha até que todas sexamos libres", lembraron ante a Audiencia Provincial.