Apelan á corresponsabilidade ante a violencia machista: "É moi triste seguir escoitando entre veciños e amigos que isto se vía vir"
A violencia machista é un problema social da que "todos e todas somos corresponsables". O asasinato de Beatriz Lijó Gesteira, á que matou a súa ex parella en Baiona, volveu a poñer sobre a mesa o papel que, como sociedade, debemos ter para combater esta lacra.
"É moi triste, e é algo que se repite, seguir escoitando entre o seu círculo de veciños e amizades que isto se vía vir, que calquera día ía pasar", lamentou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que apelou a esta "corresponsabilidade" dos cidadáns.
A vítima, segundo explicou Larriba, non presentara denuncia por malos tratos contra a súa parella, pero si constan en relación á custodia dos fillos. A pesar de que esta situación era coñecida pola súa contorna, ninguén deu o paso para alertar ás autoridades.
Por iso é polo que pedira que institucións, corpos policiais e a contorna das vítimas aúnen esforzos "para que evitar que se produzan mortes como esta". As mulleres deben saber "que non están soas" e que "todos os homes e mulleres de ben estamos con elas", dixo.
A vítima de Baiona, a oitava muller asasinada en España no que vai de ano, "era unha muller nova e nai" e a súa morte foi especialmente sentida na sede gobernamental, xa que era funcionaria do Estado e traballara un tempo na propia Subdelegación.
No medio da "profunda dor" que causou o seu asasinato, Maica Larriba insistiu que a violencia machista "non é un problema persoal" e que todos debemos de ser "conscientes" que esta lacra "existe" e que ás mulleres "nos seguen matando polo feito de ser mulleres".
A este respecto, a subdelegada considerou "irresponsable" que, ante as evidencias e as mortes que deixa a violencia machista en España, "haxa quen segue negando que exista".
CONCENTRACIÓN NA SUBDELEGACIÓN
Debido a este crime, convocouse unha concentración unitaria entre o Concello de Pontevedra e a Subdelegación do Goberno á que asistiron todos os partidos políticos con representación municipal, o deputado provincial Gregorio Agís, representantes da subdelegación e da policía nacional.
Esta convocatoria iniciouse cun minuto de silencio, posteriormente Larriba, que se mostraba afectada, transmitiu unha mensaxe de apoio á familia, fillos e amigos. Ademais, tamén quixo realizar unha chamada de atención e lembrar que "as mulleres saiban que non están soas, que estamos con elas " e fixo fincapé en que hai que denunciar, xa que este é outro caso no que non hai ningunha denuncia de violencia de xénero e a súa contorna expón que a vítima estaba sometida a presión por parte da súa exparella.
Unha vez finalizada esta mensaxe de apoio, laiouse por esta muller e por todas as que sufriron e sofren violencia de xénero. Adicionalmente, tamén laza unha mensaxe de rexeitamento ás persoas que negan a existencia da violencia de xénero e comenta que este problema ten que ser combatido por toda a sociedade.
Esta última mensaxe foi complementada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que transmite que unha gran parte da poboación está a loitar con esta lacra social, que está instaurada na nosa historia e na estrutura social, comenta que "se invisten os máximos esforzos formativos, informativos, económicos e non se pode dar un paso atrás na loita contra a violencia machista" e finaliza expoñendo que esta loita gañarase de forma conxunta.