Aplauden a aposta por unha virtualización orientada a captar alumnado internacional
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Como unha iniciativa "innovadora e pioneira en Galicia" valorou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, a aposta da Facultade de Dirección e Xestión Pública por un modelo híbrido, no que se combinan a ensinanza presencial e a virtual.
Fíxoo na visita que realizou este martes ás instalacións desta facultade, á que se adscriben o Grao en Dirección e Xestión Pública, que se converteu en 2020 no primeiro do sistema universitario de Galicia en contar cunha modalidade totalmente virtual, e o máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional.
Nesa mesma liña pronunciouse tamén o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que destacou a modalidade virtual do grao como "un experimento pioneiro para a atracción do alumnado internacional".
Xunto a Rodríguez e Reigosa, esta visita a unha facultade constituída o pasado ano e que comparte edificio coa Facultade de Comunicación, contou tamén coa participación da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa; o decano, Enrique Varela, e membros do equipo directivo e docente do novo centro, no que se imparten dúas titulacións previamente adscritas á antiga Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.
"O que vimos ver é unha experiencia innovadora no ámbito da docencia", salientou Rodríguez ao inicio dunha visita dirixida a coñecer a experiencia dun grao que, desde o curso 2020/2021 sumou á súa modalidade presencial outra completamente virtual, co obxectivo de "darlle un pulo a nivel internacional".
Nesa idea incidiu tamén o reitor, que destacou que esta experiencia é "algo moi importante para a universidade".
O propósito desta visita, como explica Varela, era que o conselleiro puidese "coñecer tanto os espazos pedagóxicos e de xestión desta nova facultade", como "as instalacións e soportes virtuais que temos para o alumnado virtual", tanto dun grao "único" como dun mestrado con máis de dez anos de traxectoria, "e que son dous dos títulos máis valorados da UVigo nas enquisas de satisfacción".
A través desta visita, buscábase tamén presentar "o plan estratéxico" deste centro, que pasa por "virtualizar para internacionalizar", como subliñou Varela, que incidiu en que "fóra do noso ADN presencial, esta parte virtual conéctanos" co obxectivo de captar a alumnado doutros países, aposta na que se insiren iniciativas como o convenio de colaboración recentemente asinado coa Universidad Nacional Abierta y a Distancia (UNAD), de Colombia.
Relacionadas:
-
Estudantes de Educación deseñan proxectos para transformar o patio de recreo do CEIP A Xunqueira I
Por Redacción |
-
O Consulado itinerante de Colombia chega á Boa Vila para facilitar trámites aos seus concidadáns
Por Redacción |
-
A Universidade de Vigo quere dotar o campus de Pontevedra dunha residencia estudantil e estudará as posibilidades do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Publicado no DOG o cambio de nome da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación
Por Redacción |
-
Enrique Varela, único candidato ao Decanato de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |