A Universidade de Vigo quere dotar o campus de Pontevedra dunha residencia estudantil e estudará as posibilidades do Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa confirmou a vontade da institución académica de dotar o campus de Pontevedra dunha residencia estudantil pública.
Manuel Reigosa fixo este anuncio acompañado do conselleiro de Educación, Román Rodríguez e polo presidente do Consello Social da Uvigo, Ernesto Pedrosa, no transcurso dunha visita oficial á Facultade de Dirección e Xestión Pública.
En resposta ás preguntas dos xornalistas, o reitor explicou que aos plans da Universidade de construír un edificio nos terreos de Tafisa cedidos polo Concello súmase agora a posibilidade de incorporar ao Hospital Provincial como equipamento. "Neste caso, se frutifica esta idea, imos ter metros cadrados tanto en Tafisa como no Hospital Provincial", celebrou o reitor.
Nestes momentos está a vicerreitora do campus, Eva Lantarón, facendo os traballos previos respecto á residencia universitaria para avaliar "cales son as necesidades reais e a localización" tendo en conta aspectos como as titulacións coas que contan a día de hoxe, coa Facultade de Enfermería e "dentro desa planificación agora mesmo estamos a contar con incluír unha residencia universitaria", ratificou o reitor.
Manuel Reigosa recoñeceu que este é un campus que "ten moito atractivo" xa que "chega moito alumnado de fóra de Pontevedra e non temos residencia universitaria, seguramente iso pódese ver como unha carencia do campus". As "distintas posibilidades" abordaranse nun Consello de Campus, xa que "será algo que haberá que estudar entre todos".
Segundo apuntou o reitor, a "ideal inicial" era construír un novo edificio modular en Tafisa que acollería a Deseño e a Dirección e Xestión Pública, pero ante esta opción do Hospital Provincial "agora creo que hai que ter unha visión máis xeral para o desenvolvemento futuro do campus", pero sen renunciar nunca aos terreos de Tafisa. "Por tanto, temos varias peza que situar en varios lugares en Pontevedra todos eles moi ben situados. Sería moi aventurado dicir cal vai ser o título que se vai a cal localización", dixo.
Manuel Reigosa tamén desvelou que xa levaba falando coa Xunta do proxecto de destinar o Hospital a un uso universitario moito antes de que o portavoz do Partido Popular de Pontevedra anunciáseo como a súa "proposta electoral".
"Si, é obvio que antes de anuncialo xa sabían que para o equipo reitoral actual era magnífico contar con ese edificio" dixo Reigosa. "Non hai nada pechado", matizou, "é algo que haberá que estudar entre todos".
"Eu ratifico as palabras do reitor ao cento por cento", engadiu o conselleiro Román Rodríguez que indicou que é "unha proposta tremendamente interesante que obviamente foi falada antes de lanzala tamén coa propia universidade para non tirarse ao baleiro" insistindo no argumento de que "aquí compartimos a visión tanto a Xunta de Galicia na súa globalidad como a Universidade de Vigo".
O conselleiro de Educación incidiu en que a proposta do Hospital Provincial "obviamente haberá que definila, haberá que estudala, avaliala, cuantificala, non é inmediata, pero creo que o importante é que teñamos unha conxunción de intereses" e, en calquera caso, asegurou que "é bo para a cidade, sen dúbida e vai ser bo para a Universidade de Vigo e para o campus de Pontevedra".
"Temos unha boa semente, temos unha boa terra, temos ganas de que a árbore frutifique e ímolo a coidar para que así sexa", remachou.
Relacionadas:
-
Comeza a construción dos apartamentos e a residencia de maiores de Ilunion en Tafisa
Por Oskar Viéitez |
-
BNG e PSOE reclamarán á Xunta manter o uso sociosanitario do Hospital Provincial
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
A Vicerreitoría impulsa unha enquisa para coñecer a demanda que tería unha residencia estudantil en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez propón converter a antigo asilo de Loureiro Crespo nun centro sociosanitario
Por Almu Dapena |
-
A Universidade planificará nos próximos dous anos os usos que proxectaría darlle ao Hospital Provincial
Por Oskar Viéitez |
-
Lores sostén que o Provincial non debe perder no futuro o seu uso sociosanitario
Por Alejandro Espiño |
-
Aplauden a aposta por unha virtualización orientada a captar alumnado internacional
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Rafa Domínguez propón que o Hospital Provincial se destine a usos universitarios
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |