Sorpresa do conselleiro ao presentarse só unha empresa á reforma o IES Valle Inclán
Por Oskar Viéitez
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez admitiu a súa sorpresa ao coñecer que a empresa pontevedresa Construcións Ramírez SL é a única que se presentou ao anuncio de licitación da reforma integral do IES Valle Inclán.
"Eu tamén quedei sorprendido porque era unha cantidade económica moi significativa, 4,7 millóns de euros, tamén é certo que é unha obra complexa", comentou o conselleiro.
Román Rodríguez lembrou a singularidade deste proxecto no que "estamos a actuar sobre un edificio patrimonial, dun gran valor histórico e hai que compaxinar a actividade nas aulas coa obra".
Despois de reunirse a mesa de contratación, o pasado 26 de xaneiro, agora serán os técnicos da Consellería quen valoren a proposta da firma pontevedresa "hai que estudar a documentación, se cumpre cos criterios e cos parámetros e se é así llo adxudicaremos á empresa que se presentou", indicou o conselleiro.
CARLOS OROZA
O conselleiro de Educación tamén apuntou que, ademais do IES Valle Inclán, "estamos pendentes da licenza municipal respecto a a ampliación do Carlos Oroza".
A esta obra do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza destinaranse 2,8 millóns de euros "xa está adxudicada neste caso a San José", informou.
TRANSFERENCIA
Precisamente o Carlos Oroza é un dos equipamentos educativos situados na cidade infantil Príncipe Felipe de cuxa transferencia están a negociar a Xunta e a Deputación de Pontevedra, xunto ao Colexio de Educación Infantil e Primaria Daría González García e ao Centro de Educación Especial.
"Sí, estamos a falar. Así se abriu unha liña de colaboración positiva para todos" confirmou o conselleiro que celebrou o entendemento entre administracións que continúa a senda marcada polo protocolo de transferencia da Escola de Cantería e o Pazo de Lourizán.
"E agora estamos a falar tamén cos terreos do Príncipe Felipe, aí hai cuestións que resolver como a relación cos comuneiros, hai que ter en conta tamén os marcos competenciais dos centros", puntualizou o conselleiro.
"O que está claro é que cando as administracións e os políticos traballamos con altura de miras e non traballamos só en destruír politicamente ao rival, cando nos sentamos e falamos saen as cousas como debe ser. É algo que os cidadáns ven como positivo", concluíu Román Rodríguez.
Relacionadas:
-
A licenza para reformar o IES Valle Inclán, pendente de dous requirimentos á Xunta
Por Alejandro Espiño |
-
"O ciclo do sabor", unha experiencia gastronómica de produtos gourmet no IES Luís Seoane
Por Redacción |
-
A Deputación e a Xunta xa están a falar da transferencia dos equipamentos educativos de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
Licitada por 4,7 millóns de euros a reforma integral do Instituto Valle-Inclán
Por Redacción |
-
Un terceiro edificio para "culminar" o Carlos Oroza e preparalo para o futuro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |