"O ciclo do sabor", unha experiencia gastronómica de produtos gourmet no IES Luís Seoane
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O vindeiro xoves 16 de febreiro de 2023 organizarase no centro IES Luís Seoane, de Monte Porreiro, unha xornada para desfrutar e coñecer a fondo produtos galegos de calidade superior, guiada polo alumnado deste ciclo, que se imparte entre o IES Luís Seoane e o CIFP Carlos Oroza.
Con este título, "O ciclo do sabor", o alumnado non só busca remarcar o carácter educativo deste evento, senón que tamén expresa a súa propia esencia, baseada no percorrido que realizarán os participantes a través dos diversos sabores de produtos saudables e de proximidade.
Esta actividade supón unha boa oportunidade para coñecer a FP Dual, unha modalidade de formación de recente creación con moita proxección profesional que intercala un período de estudo de seis meses con seis meses de prácticas remuneradas nunha empresa.
Neste ciclo en concreto, Comercialización de Produtos Alimentarios, fórmase o alumnado para poder traballar a fronte das diferentes seccións dun comercio de alimentación, como son a peixería, a carnicería, a charcutería e a panadería, ademais de desenvolver as capacidades necesarias para realizar labores loxísticas e incluso emprender nun negocio no sector.
No proceso de ensino e aprendizaxe que supón esta xornada, o alumnado coñeceu a fondo múltiples produtos locais gourmet, como por exemplo o xamón de porco celta ou zumes naturais de mazás recollidas no Baixo Miño, descubrindo que gran parte da súa calidade non só se encontra no seu sabor, tamén na súa produción, posto que se trata de alimentos ecolóxicos que respectan o medio ambiente, o benestar animal e ademais aproveitan de maneira sostible as potencialidades de Galicia.
Tras esta rigorosa investigación fixéronse cargo, xunto co profesorado, da organización do evento, dende a elaboración do plan de márketing ao deseño da súa imaxe corporativa.
O alumnado tivo a oportunidade de preparar, con estes produtos de calidade, pratos saudables maximizando o seu sabor e facéndoos aínda máis innovadores. Os convidados serán guiados por el, dende os primeiros bocados aos últimos, co obxectivo de compartir momentos, coñecementos e moito sabor.