Bueu abre inscricións para un Entroido que repartirá 6.500 euros en premios nos seus desfiles
Por Redacción
O Concello de Bueu quenta motores para o seu Entroido, coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) das bases que establecen os premios dos seus desfiles.
O prazo de inscrición estenderase ata o próximo 17 de febreiro, establecendo ata 6.500 euros en premios entre todas as categorías tanto no Enterriño da Sardiña, que se celebrará o mércores 22 de febreiro (17.00 horas), como no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro previsto para o domingo 26 de febreiro.
Despois de dous anos de asuencia pola pandemia, recupéranse os concursos mantendo o Concello de Bueu a cantidade fixa por participar ás diferentes agrupacións. Así se destinarán 500 euros ás comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados ao longo de todo o Entroido, 150 euros para as agrupacións de Bueu que participen no desfile do Enterriño da Sardiña e teñan máis de quince compoñentes, e 120 euros para aquelas que participen no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro e estean compostas por máis de quince persoas.
Ademais deste detalle establécense premios para os participantes Enterro do Paxaro de Mal Agoiro: ás comparsas de Bueu (150 euros para o primeiro premio, 100 euros para o segundo, 75 euros para o terceiro e 50 euros para o cuarto), premios ás agrupacións de máis de 15 compoñentes (1º dotado con 250 euros, o 2º con 175 euros e o 3º con 100 euros), premios ás agrupacións de entre tres e quince compoñentes (100 euros o primeiro premio e 80 euros o segundo), premios ás parellas (100 euros o primeiro e 80 euros o segundo), e premios individuais ( 80 euros o primeiro e 50 euros o segundo).
A programación do Entroido en Bueu contempla diversas actividades para todas as idades desde o 17 ao 26 de febreiro.