Un baño reivindicativo en Mogor para solicitar balizas e servizos durante todo o ano
Por Almu Dapena
Un grupo duns 30 nadadores botáronse a auga este sábado 28 na praia de Mogor para chamar a atención de autoridades e profesionais para que se incrementen as medidas de vixilancia e control, ademais de habilitar uns baños e a caseta durante todas as estacións do ano.
"Queremos que as praias e actividades que se realizan fóra de tempada se atendan", reclaman os integrantes do colectivo, e solicitan que se instalen unhas balizas para que os nadadores ou persoas que acudan a darse un baño "naden con seguridade" en augas abertas.
Queren tamén que a caseta que hai en Mogor se habilite durante estes meses "para dar servizo a todo o mundo" e que a xente que vaia paseando ou correndo puedad ir ao baño. Esa caseta, ademais, "pode servir para cambiarse despois do baño. Pensamos que tamén poden poñer un pequeno tellado para deixar a roupa, son cousas pouco custosas", afirman.
Son moitas as persoas as que acoden diariamente ás praias de Marín a bañarse, desde "persoas de 80 anos, xubilados, profesionais que van co reloxo e se cronometran, universitarios da Univeridade de Vigo, ou deportistas do SAPO, que empezarán a vir a partir de febreiro ou marzo".
Insisten en que o lugar onde prefiren que se cumpran as súas peticións sexa en Mogor, xa que se trata dunha praia intermedia en todo o paseo de Marín e ten fácil acceso, e móstranse optimistas xa que consideran que "hai boa sintonía co Concello, fixéronnos caso coa auga das duchas e creo que hai boa vontade".