O goberno provincial mobiliza 9,5 millóns de euros para levar a cabo diferentes proxectos

Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou este venres en rolda de prensa que o goberno provincial "afronta un financiamento moi importante" que ascende a 9,5 millóns de euros para levar a cabo unha serie de proxectos que se aprobaron entre o pasado martes e a Xunta de Goberno celebrada hoxe.
Por unha banda, aprobaron recursos do Plan Concellos para 28 municipios por un total de 4 millóns de euros. Concretamente, destinados á Liña 3 de emprego, son 3,8 millóns de euros para subvencionar a contratación de 329 persoas desempregadas, por parte de 26 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, para a conservación e o funcionamento de bens e servizos municipais, de interese xeral e social. E tamén se aprobaron investimentos da Liña 1 do Plan Concellos por 236.000 euros para As Neves e A Cañiza.
Carmela Silva tamén informou da aprobación de 3 millóns de euros para plans de política social "para facer fronte á vulnerabilidade", sendo 2,5 millóns de euros os destinados a apoiar ás corporacións locais de menos de 20.000 habitantes para que poidan prestar os seus servizos sociais comunitarios municipais.
Grazas a esta actuación finánciase con 1,2 millóns o Servizo de Axuda no Hogar e con outros 1,2 millóns de euros a contratación de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios básicos, persoal administrativo e, ademais, o Servizo de Apoio Familiar.
Ademais aprobáronse outros 552.000 euros para axudas de emerxencia que as persoas beneficiarias poderán empregar en alimentación, uso de vivenda, pago de recibos, pago de produtos de hixiene e limpeza, pago de produtos farmacéuticos, adquisición de electrodomésticos básicos, pago de desprazamentos para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades, pago de lentes e audífonos e axudas de apoio á infancia. A presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que como novidade este ano introduciron como axuda básica de emerxencia o pago de estudos en centros públicos.
O goberno provincial tamén aprobou 1,8 millóns de euros en 3 liñas de axudas para clubs deportivos sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas. Para as de ámbito estatal destínanse un total de 850.000 euros, 625.000 euros para as de ámbito inferior ao estatal e 300.000 euros para aqueles que organicen campionatos, eventos e actividades, unha partida que se incrementou nun 20% respecto ao pasado ano.
Por último, Carmela Silva informou que foi aprobado o proxecto de ampliación das obras de drenaxe na estrada provincial EP-8504 Forno–Cernadas en Valga con 290.000 euros e tamén se deu luz verde ás bases do programa Conectadas 2023, que ten por finalidade mellorar a formación básica das mulleres para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías. O orzamento para a edición deste ano é de 324.000 euros cos que se promoverán 30 accións.
Relacionadas:
-
A Xunta entrega material deportivo valorado en 160.000 euros a máis de 30 entidades deportivas de Pontevedra
Por Redacción |
-
En tres meses poderase transferir a titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |
-
Estudos de España, Reino Unido, Xapón, Alemaña, Portugal, Noruega ou Dinamarca, interesados en Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
Polonia recupera os dous cadros expoliados polos nazis que estaban no Museo de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |