En tres meses poderase transferir a titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez
A comisión mixta de seguimento do Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería por parte da Deputación Provincial de Pontevedra á Comunidade Autónoma de Galicia reuniuse este xoves para avanzar no proceso de cesión.
Por parte da Xunta participaron nesta xuntanza a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Manuel Vila, ademais de asistir o xerente da Axencia Galega da Industria Forestal, da Consellería do Medio Rural, Ángel Bernardo Tahoces.
A Xunta destacou que se puxo de manifesto no encontro que a "colaboración e vontade de diálogo entre ambas as administracións está a permitir o desenvolvemento áxil dos traballos".
Así acordaron redefinir o calendario das cesións. A previsión é que a transmisión destas titularidades se materialice nun prazo máximo de tres meses fronte aos seis previstos inicialmente.
No proceso de transferencia da Escola de Cantería se garante a transferencia de todo o persoal mantendo as actuais condicións laborais. Ademais, estase xa a elaborar unha proposta formativa de cara ao vindeiro curso, axeitada ás necesidades do sistema produtivo e educativo actual co fin de obter o máximo rendemento das instalacións da escola de cantería e da súa traxectoria. O obxectivo é impulsar as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.
No caso da Finca de Lourizán, a súa titularidade vaille permitir á Xunta traballar na recuperación deste espazo de alto valor histórico e forestal.
Relacionadas:
-
"Primeiro paso" para que a Escola de Cantería sexa unha das "xoias da coroa" da FP galega
Por Alejandro Espiño |
-
A Escola de Cantería será un centro integrado de FP especializado en construción, cantería e restauración
Por Alejandro Espiño |
-
O conto dos tres porquiños, motivación para respectar os bosques no Centro Forestal de Lourizán
Por Redacción |
-
A Deputación pecha o mandato cun acordo unánime para transferir a Escola de Cantería á Xunta
Por Natalia Puga |
-
A Deputación e a Xunta xa están a falar da transferencia dos equipamentos educativos de Príncipe Felipe
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial mobiliza 9,5 millóns de euros para levar a cabo diferentes proxectos
Por Oskar Viéitez |
-
Agardan materializar no primeiro semestre de 2023 a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |
-
Acordo institucional para que a Deputación transfira á Xunta o Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |