Escolares de Poio axudarán a máis de 150 menores de Mozambique sen familia
Por Redacción
A campaña solidaria 'Eu Son Gaiat@', impulsada de xeito transversal por varios departamentos municipais do Concello de Poio, vai tomando forma.
Esta semana as concelleiras de Benestar Social e Mocidade, a socialista Rosa Fernández, e a de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, tomaron parte nunha reunión con representantes do tecido educativo do municipio, para promover a iniciativa nos colexios e no instituto de secundaria.
A intención é aproveitar a conmemoración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, o vindeiro 30 de xaneiro, para reunir fondos para axudar ao orfanato Casa do Gaiato, situado en Mozambique, no que conviven preto de 150 menores sen familia, vítimas dos conflitos bélicos e da pandemia do SIDA.
A proposta xorde a raíz do traballo de campo que levou a cabo en outono de 2022 a directora do CIM, Raquel Morales, no país africano, nun proxecto de colaboración co Fondo Galego de Cooperación.
Ademais das áreas anteriormente mencionadas, na campaña tamén se involucran activamente as concellerías de Igualdade, Participación Veciñal e Deportes, que se encargarán de difundir a proposta entre clubs, entidades e colectivos do municipio.
Tal e como explicaron as responsables da iniciativa, entre o 30 e o 3 de febreiro habilitaranse nos colexios e no IES os ‘Rincóns Gaiato’, que son espazos que albergarán furnas para recoller donativos, que poderán ser entregados polos e polo alumnado en sobres elaborados especialmente para este fin. Tamén levará a cabo unha serie de traballos e deseños para adornar os centros cunha temática vencellada a Mozambique, facendo fincapé nos seus costumes, paisaxes, historia ou a súa bandeira.
A maiores, Raquel Morales impartirá unha charla no IES sobre o seu labor no país africano.
Pola súa banda, tamén se acordou facer unha achega de 500 euros para esta campaña desde o Fondo de Emerxencia Social. Os fondos reunidos serán entregados á ONG Mozambique Sur.
Relacionadas:
-
'Eu son Gaiat@' acada 4.000 euros na campaña solidaria emprendida en Poio
Por Redacción |
-
A comunidade educativa volve envorcarse pola paz e contra a violencia
Por Redacción |
-
A canceira de Poio xestionou máis de 80 adopcións durante o pasado ano
Por Oskar Viéitez |
-
Raquel Morales, directora do CIM en Poio, explica a súa experiencia contra a desigualdade en Mozambique
Por Redacción |
-
Do CIM de Poio a centros infantís de Mozambique
Por Redacción |