Oito fins de semana de Noites Abertas con 70 actividades diferentes
Por Oskar Viéitez
Comeza unha nova edición de Noites Abertas, a número 24 deste programa de actividades de lecer para a mocidade durante as fins de semana que organiza o Concello de Pontevedra.
Este xoves o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, deu conta das propostas para esta edición na que se recupera totalmente a normalidade, pois xa non haberá que empregar máscaras como aconteceu a comezos do ano pasado.
As actividades programadas están dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos e son accesibles, plurais e gratuítas xa que o Concello asume os gastos de material ou outros que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade.
Segundo informou Oubiña, as accións desenvolveranse durante as tardes ou noites dos venres e sábados desde o 27 de xaneiro ao 1 de abril, cunha parada durante as celebracións do Entroido. Serán un total de oito fins de semana. Realizaranse 70 actividades diferentes distribuídas en 150 sesións.
Con actividades como esgrima e loita escénica con sabres de luz, tenis de mesa e bádminton libre, "encontros random" para coñecer xente e pasar un bo rato, sumie a técnica de debuxo xaponesa ancestral, risoterapia, obradoiro de coiro, texmex vegano, pintura de miniaturas, wargames e escenografía, pandeireta e canto tradicional galego, cestaría tradicional, cociña de petiscos do mundo, pickleball e bádminton, baile tradicional galego, iniciación a Magic: The Gathering e xogo libre ou serigrafía caseira de bolsas de tea, entre outras moitas propostas máis.
E non faltará unha das iniciativas con máis éxito "A Lámpada Marabillosa". Na Casa Azul habilítase un espazo aberto a todas as persoas que queiran ir, tomar unha infusión, charlar sobre temas de interese para elas, leer un libro ou manga, ou simplemente, estar. Por outro lado, tamén é un espazo no que a xente podrá ter unha participación máis activa, creando grupos para o concurso de debate, para xogar a xogos de mesa, para tocar algunha canción, ou para planificar calqueira actividade que lle apeteza propoñer ao resto de participantes.
Segundo explicaba o concelleiro, Noites Abertas desenvolverase no CEIP Froebel, na Casa Azul, no Local de Música, o Pavillón Multiusos ou o campo de herba da Xunqueira, e tamén a praia fluvial do Lérez (para a ruta nocturna en kaiak), o parque de cans (da Xunqueira de Alba), a praza da Ferraría, a senda do Gafos e, como novidade Santa Clara, que acollerá un Escape room moi especial "e moi controlado polos propios monitores de Noites Abertas, sendo nunha zona concreta e acoutada do antigo convento".
O concelleiro trasladou a súa preocupación polo mal estado do colexio Froebel con filtracións de auga e pingueiras, "agardamos que non teñamos que cancelar ningunha actividade".
Nos próximos días comeza a presentación de Noites Abertas en todos os centros educativos do municipio e tamén haberá unha campaña publicitaria para informar á mocidade.
Relacionadas:
-
RADIO.- Atención a este deporte de moda en Estados Unidos: o pickleball, que xa é unha práctica federada en España
Por Marisa Ciordia |
-
Traxes espaciais para distribuir información do inicio de Noites Abertas
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Noites Abertas recibe 135 propostas para a súa nova edición
Por Redacción |
-
Ábrese o prazo para presentar propostas de actividades en Noites Abertas 2023
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |