Ábrese o prazo para presentar propostas de actividades en Noites Abertas 2023
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Ábrese unha nova convocatoria do programa Noites Abertas, que xa é "histórico" no Concello de Pontevedra dentro das actividades para a mocidade durante as fins de semana. Este xoves o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, anunciaba a apertura do prazo de presentación para que empresas, asociacións, particulares e diferentes colectivos presenten as súas propostas para a edición que se desenvolverá en 2023.
O prazo para a presentación destas alternativas de lecer ábrese este venres 30 de setembro e estenderase ata o xoves 20 de outubro. As propostas terán que estar dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, coa posibilidade de establecer regulacións de idade segundo a actividade presentada. Terán que ser accesibles, plurais e gratuítas para o público asistente. O Concello asumirá os gastos de material ou outros que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade, segundo comunicaba Oubiña.
As accións desenvolveríase durante as tardes ou noites dos venres e sábados desde o 27 de xaneiro ao 1 de abril de 2023 cunha parada durante as celebracións do Entroido. Deberán presentarse propostas dun mínimo dunha sesión e un máximo de catro cunha duración máxima de dúas horas e mínima dunha hora. Entre os criterios que se terán en conta para a selección das actividades por parte do Concello atópase o interese que teñan para a mocidade; que se traten de propostas de lecer educativo; e tamén se atenderá á inclusión para persoas con algunha discapacidade co obxectivo de que as Noites Abertas sexan accesibles a toda a cidadanía situada entre os 12 e os 30 anos.
As propostas deberán realizarse a través do formulario que figura na páxina web NoitesAbertas.gal. A partir de novembro, unha vez realizada a selección, o servizo de Xuventude poñerase en contacto cos promotores para concretar o desenvolvemento das iniciativas.
Segundo explicaba o concelleiro, Noites Abertas converteuse tamén nunha fórmula para o desenvolvemento de traballo profesional xa que, durante anteriores edicións, algunhas das persoas que promoveron propostas decidiron establecer o seu futuro laboral apostando por desenvolver esa actividade como modo de vida.
Sinalou tamén que se adianta o calendario de inicio de actividades debido a que se detecta que os participantes acoden máis na época invernal. A intención do Concello é que continúen utilizándose tanto espazos exteriores como interiores para o desenvolvemento das propostas como o CEIP Froebel, Casa Azul, Local de Música, o Pavillón Multiusos ou o campo de herba da Xunqueira, entre outros.
En 2021 presentáronse 135 propostas, das que 70 foron seleccionadas. O orzamento foi de 66.760 euros, a 36 euros por participante, xa que interviñeron 2.078 persoas. A maioría dos participantes foron persoas entre 16 e 25 anos, un 64%; os menores con idades entre 12 e 16 anos protagonizaron o 22% da participación e o 14% restante pertence a persoas de entre 25 e 30 anos.
Realizáronse 84 actividades diferentes distribuídas en 177 sesións. As propostas seleccionadas o ano pasado repartíronse en 19 proxectos de clubs deportivos e asociacións; 78 de empresas autónomas; 10 de colectivos informais e 28 de persoas individuais.
Relacionadas:
-
Oito fins de semana de Noites Abertas con 70 actividades diferentes
Por Oskar Viéitez |
-
Noites Abertas recibe 135 propostas para a súa nova edición
Por Redacción |
-
O PP propón ampliar o programa de Noites Abertas para sacar os menores do botellón
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira fase de Noites Abertas
Por Redacción |
-
Noites Abertas sorprende con 'El juego del calamar' entre as súas novas propostas
Por Raquel Currás Martínez |